A Xunta inicia a construción dunha senda na estrada AC-421 entre Valenza e Castrobó, en Coristanco

 Esta actuación, cun orzamento de máis de 30.000 euros, ten como fin mellorar o acceso dos veciños de Valenza a Castrobó, onde se atopan os servizos principais

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2022.-

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou as obras de construción dunha senda na estrada AC-421, entre Valenza e Castrobó, no concello de Coristanco.

 

Esta actuación, cun orzamento de máis de 30.000 euros, ten como fin mellorar a accesibilidade dos veciños do núcleo de Valenza, onde viven persoas con mobilidade reducida que a día de hoxe teñen difícil o acceso ao centro urbano de Castrobó, onde se atopan os servizos principais da zona.

 

A intervención permitirá configurar un espazo para o tránsito seguro de peóns con zonas reservadas ao longo do treito situado entre os puntos quilométricos 5+440 e 5+630 da estrada AC-421. A senda enlazará coa beirarrúa actual na marxe esquerda da estrada a partir do punto quilométrico 5+630.

 

A execución do novo itinerario peonil comezou por traballos de limpeza, despexe, roza e escavación do terreo, para posteriormente habilitar a senda con bordo e o estendido de formigón coloreado.

 

A intervención inclúe a mellora da rede de pluviais con rígola prefabricada de formigón e bordo e paso salvacunetas.

Imaxes relacionadas