A Xunta concede máis de 2,3 M€ a un total de 151 beneficiarios para o coidado de 2.346 hectáreas de plantacións forestais que foron subvencionadas nos últimos anos

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural que dá publicidade ás axudas aprobadas ao abeiro da convocatoria deste ano de primas de mantemento das forestacións

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2022.-

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural que dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da convocatoria de 2022 de primas de mantemento das forestacións que foron subvencionadas nos últimos anos. En total, un total de 151 beneficiarios recibirán máis de 2,3 millóns de euros para actuar nunhas 2.346 hectáreas de superficie.

Cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia, a meirande parte das axudas están dirixidas á provincia de Ourense, que aglutina máis de 1,3 millóns de euros de achegas para un total de 61 beneficiarios e 1.342 hectáreas. Séguea Lugo con 507.453 euros en subvencións, 46 expedientes aprobados e 513 ha de actuación; Pontevedra con 376.765 euros no marco de 32 axudas concedidas para actuar en 366 hectáreas e, por último, A Coruña, con 116.584 euros, 12 expedientes e 118 ha.

Cabe lembrar que podían beneficiarse destas primas exclusivamente as persoas titulares de superficies forestais que fosen plantadas con subvencións xestionadas pola Xunta antes do 31 de decembro de 2021 ao abeiro das ordes de axudas para a reforestación e a creación de superficies forestais correspondentes aos anos 2017, 2018, 2019 e 2020. En concreto, as primas teñen como finalidade contribuír ao coidado, mantemento e demais traballos forestais posteriores á plantación, financiando os traballos mediante unha prima de mantemento anual nos primeiros anos de existencia das plantacións realizadas.

Con estas achegas, confírmase a aposta decidida de Consellería do Medio Rural pola conservación e mellora da diversidade en áreas forestais, así como pola xestión forestal sustentable para a conservación activa de espazos forestais. Supón tamén unha aposta polas iniciativas e programas de mitigación e adaptación ao cambio climático para o monte galego co obxectivo de incrementar a súa capacidade de fixación de carbono atmosférico (sumidoiro de carbono), de reducir a súa vulnerabilidade e capacidade de adaptación (resiliencia e resistencia) e de potenciar o emprego de produtos e subprodutos forestais como fontes de enerxía renovable e de produtos ecolóxicos.

Plan Forestal 2021-2040

A presente orde alíñase con varios obxectivos recollidos na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara a neutralidade carbónica”, como o da contribución do monte galego á conservación da natureza e á prestación doutros servizos ambientais, que inclúe medidas tendentes á conservación da biodiversidade e á multifuncionalidade dos montes como ecosistemas forestais, así como as medidas tendentes á mitigación e adaptación ao cambio climático e o desenvolvemento de enerxías renovables, entre outros.

Tamén cabe apuntar ao eixe que aposta pola xestión forestal e a loita contra o abandono no monte, que inclúe accións tendentes a iniciativas de activación da xestión forestal privada. Por último, o eixe sobre recursos forestais e a cadea monte-industria, con medidas tendentes ao fomento de recursos forestais non madeireiros e madeireiros.

 
Enlace á resolución no DOG:

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural