Emigración destina 6.000 euros á asociación de emigrantes retornados do Ulla-Umia (Aeru) co obxectivo de manter a súa oficina de información

?    O secretario xeral deste departamento autonómico, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado do delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez, firmou esta mañá o convenio que permitirá manter o asesoramento dos galegos do exterior desta provincia que deciden regresar a Galicia

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2022.- O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, firmou esta mañá, acompañado do delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez, co presidente da Asociación de Emigrantes Retornados do Ulla-Umia (Aeru), Celso Domínguez Búa, o convenio para o mantemento da súa oficina de información en Caldas de Reis, destinada a asesorar aos galegos do exterior que optan por regresar a Galicia. O acto tivo lugar na Delegación da Xunta en Pontevedra.

 

A Asociación de Emigrantes Retornados Ulla-Umia (Aeru) é unha asociación sen ánimo de lucro de ámbito provincial que naceu en 2013 co obxectivo de dar resposta ás demandas dos emigrantes retornados e de cara a prestar un servizo de orientación e asesoramento orientado a facilitar a súa integración na sociedade galega.

 

Esta entidade agrupa a un número importante de socios desta provincia e configúrase como un punto de referencia ao que cada día acoden as persoas retornadas reclamando os seus servizos, polo que está desenvolvendo un importante labor social a favor dos emigrante galegos retornados e dos seus descendentes.

 

A Secretaría Xeral colabora con esta asociación cun convenio de colaboración de 6.000 euros co obxectivo de ofrecer aos emigrantes retornados á Comunidade Autónoma a maior cobertura posible no seu proceso de retorno e adaptación á sociedade galega.

Imaxes relacionadas