O alumnado do Centro Superior de Hostalería de Galicia achégase aos produtos de Galicia Calidade da man do estrela Michelín Iñaki Bretal

 

   A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, destacou o valor da iniciativa, que permite poñer en coñecemento dos futuros profesionais da hostelería galega as posibilidades do produto de proximidade

   O cociñeiro do restaurante O Eirado da Leña realizou unha masterclass para unha vintena de estudantes do centro

 

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2022.- A Aula Gastronómica Galicia Calidade chegou de novo a Santiago de Compostela, desenvolvéndose nesta ocasión no Centro Superior de Hostelería de Galicia da man de Iñaki Bretal, cociñeiro do restaurante pontevedrés O Eirado da Leña, que precisamente conta co selo de Galicia Calidade.

 

Na presentación do evento estivo a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, quen puxo en valor a achega á formación do alumnado desta iniciativa. “A Aula Gastronómica axuda a que as futuras xeracións de hostalería se familiaricen coas posibilidades do produto de proximidade”, destaca Méndez, ao tempo que lembra que que os produtos baixo o selo Galicia Calidade, como os empregados por Bretal no seu cociñado, “son unha referencia tanto para as persoas que traballan no sector como para o gran público, que recoñece a marca como aval da súa orixe e das súas propiedades”.

 

Na masterclass, Iñaki Bretal elaborou un menú de tres platos, composto por callos de mar con berberechos; polbo con patacas; e ovos trufados con San Simón. No seu cociñado empregou produtos das marcas Coren, Luis Escurís Batalla, Quesería Santo André, Queixería Casleiras, Patatas Conde, Grupo Leche Río e Gallego Pereira.

 

Pola súa banda, Artesanía de Galicia achegou a vaixela e utensilios empregados no cociñado, unha acción que a Xunta de Galicia engloba no proxecto Artesanía no Prato, centrado en artesanía, deseño e gastronomía.

 
Traxectoria profesional

Iñaki Bretal é propietario e cociñeiro do restaurante O Eirado da Leña, establecemento recoñecido con, entre outros, unha Estrela Michelín e un Sol Repsol. Membro do Grupo Nove, referencia da gastronomía en Galicia, Bretal iniciouse na restauración no Centro Superior de Hostalería de Galicia, onde actualmente dá clases.

 

Cunha ampla bagaxe profesional en distintos países, entre os seus proxectos actuais están, ademais do Eirado da Leña, o gastrobar Loaira, tamén en Pontevedra; o restaurante tradicional Anda e o salón de banquetes Pascuais Eventos, ambos en Lugo; o cátering
O Eirado Eventos; e o restaurante Farmacia de Guardia, de Madrid.

 

A Aula Gastronómica Galicia Calidade continuará o seu percorrido coa visita o día 25 de abril ao IES de Foz, co cociñeiro Xabier Castrelo, e o 5 de maio ao IES Sanxillao (Lugo). A segunda edición desta iniciativa pecharase o 19 do próximo mes no CIFP Paseo das Pontes (A Coruña).

 

Como atractivo engadido á iniciativa, sortearase unha comida ou cea entre o alumnado no restaurante dos cociñeiros participantes nesta edición da Aula Gastronómica Galicia Calidade que elixan.

Imaxes relacionadas