A Xunta e o Concello de Coirós colaboran no impulso ao emprendemento e o investimento empresarial

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro con Francisco Quintela, alcalde do municipio coruñés, que conta co distintivo de Concello Emprendedor

Nos últimos anos, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación apoiou ao municipio con axudas que permitiron mobilizar un investimento público-privado de 6,4 millóns de euros

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2022.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro co alcalde de Coirós, Francisco Quintela, no que avaliaron diferentes iniciativas para seguir a impulsar o emprendemento e o investimento empresarial no municipio coruñés.

 

Coirós conta co distintivo de Concello Emprendedor, sumándose así ao obxectivo da Xunta de poñer facilidades ao investimento empresarial para impulsar a reactivación económica e, polo tanto, ofrecer máis axilidade na tramitación administrativa, no acceso ao solo industrial e maiores incentivos fiscais. O Goberno galego está a dar prioridade aos concellos adheridos a esta iniciativa impulsada en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a través de diversas liñas de axudas, establecendo un criterio específico dentro destes programas convocados en réxime de concorrencia competitiva.

 

Nos últimos anos, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación apoiou ao Concello, empresas e veciños de Coirós con axudas por valor de preto de 3,4 millóns de euros, o que permitiu mobilizar un investimento público-privado de 6,4 millóns de euros en ámbitos como o aforro e a eficiencia enerxética, a innovación ou desenvolvemento empresarial.

 

No encontro celebrado hoxe en Santiago de Compostela, Conde informou ao rexedor municipal dos diferentes programas de axudas do seu departamento que están abertos nestes momentos, entre eles os destinados ás entidades locais, como a liña para impulsar o reforzo das redes de distribución eléctrica en parques empresariais, cunha dotación de 1,6 millóns de euros; así como os apoios para o autoconsumo e almacenamento enerxético ou as infraestruturas de recarga para vehículos eléctricos.

Imaxes relacionadas