A Xunta convoca as axudas do programa Innovapeme para que as pemes e microempresas galegas aumenten a súa capacidade innovadora

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta liña de apoios á que destinará 2,8 millóns de euros

O vindeiro xoves, 21 de abril, prevese a publicación de DeseñaPeme

Ambos os dous programas, de concorrencia competitiva, prevén unha mobilización de 8,6 millóns de euros

Forman parte do conxunto de axudas da Administración autonómica para acompañar ás pequenas e medianas empresas e súmanse aos préstamos IFI Innova postos en marcha recentemente cun orzamento de 2,5 millóns de euros
 

Santiago, 18 de abril de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria do programa InnovaPeme e o vindeiro xoves, 21 de abril, prevese a publicación da liña de axudas DeseñaPeme. Entre as dúas, a Xunta de Galicia prevé apoiar ao redor de 90 pemes e microempresas galegas para que introduzan a innovación nos seus procesos, organización, produtos e servizos. En total, a Xunta investirá 4,3 millóns de euros que permitirán mobilizar 8,6.

Deste xeito, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación, mantén o seu compromiso coa mellora da competitividade do tecido empresarial galego a través da innovación, poñendo o foco nas empresas de menor tamaño, con máis dificultades para emprender este camiño.

Por unha banda, hoxe convócase a quinta edición de InnovaPeme, unha liña de axudas destinada a incrementar a capacidade innovadora das pemes e microempresas galegas a través de actividades integradas en plans de innovación. Cun orzamento de 2,8M€ permitirá ás beneficiarias sistematizar os procesos de innovación da empresa a través do financiamento de actividades como estudos de novos produtos ou servizos innovadores, asesoramento en innovación, solucións innovadoras que melloren a produción, novas metodoloxías que incidan positivamente no funcionamento interno da empresa, identificar tecnoloxías clave do seu negocio, mellorar a comercialización de produtos e servizos, captar financiamento ou protexer industrialmente os seus resultados.

Esta convocatoria, de concorrencia competitiva, prevé outorgar axudas de entre 40.000 a 100.000 euros a preto de 40 empresas e, deste xeito, contribuír a incrementar o número de compañías innovadoras, potenciar a colaboración das pemes galegas co resto de axentes do ecosistema e aumentar o gasto de I+D e de actividades vencelladas á innovación. O prazo de solicitude abre mañá e pecha o 18 de maio.

Pola súa banda, o vindeiro xoves 21 de abril publicarase no DOG previsiblemente a segunda edición de DeseñaPeme, co reto de seguir avanzando na mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade das empresas a través do impulso da xestión do deseño como valor estratéxico.

Nesta ocasión, o obxectivo é apoiar 50 proxectos centrados no deseño de produto, de servizos e experiencias, así como de marca e identidade corporativa para favorecer a posición das empresas. As axudas, de concorrencia competitiva, contan cun orzamento de 1,5M€, valorarán a xeración de deseños sustentables e outorgarán apoios de entre 5.000 e 100.000 euros.

Ambas as dúas liñas forman parte do conxunto de apoios específicos para o impulso innovador nas pemes, como os préstamos IFI Innova -cuxo prazo está aberto ata esgotamento do crédito ou o 30 de setembro-; o programa ReAcciona; a aceleradora Galicia Avanza -para promover a comercialización e internacionalización de produtos e servizos innovadores cuxo prazo pecha o vindeiro 3 de maio- ou os bonos de innovación que tamén se activarán este ano.

Desde a posta en marcha de InnovaPeme en 2017, xa se apoiaron 160 pemes cun orzamento de 13,3 millóns de euros e unha mobilización de 26,6, co mantemento de 767 postos de traballo en eidos como as TIC, a enxeñaría ou o sector agroalimentario. DeseñaPeme, pola súa banda, investiu o pasado ano 1,5 millóns de euros para apoiar 25 proxectos que mobilizaron 2,95 millóns e fixeron posible a creación e mantemento de 86 contratos.
 

Imaxes relacionadas