Un total de 16 obradoiros de artesanía forman parte da guía Homo Faber da excelencia da artesanía europea

    Profesionais galegos especializados na cerámica, na madeira, no coiro, na iluminación, no téxtil e na elaboración de zocos atópanse entre as recomendacións desta guía que impulsa a Fundación Michelangelo para a Creatividade e a Artesanía

    A Homo Faber é unha plataforma que propón descubrir Europa a través da visita aos espazos de traballo dos artesáns, galerías, museos e experiencias vinculadas á artesanía de alta calidade

    O obradoiro de coiro de Santiago Besteiro (Monterroso) está presente nunha das exposicións que integran o evento internacional Homo Faber, que se celebra en Venecia ata o 1 de maio

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2022.- Un total de 16 obradoiros da marca Artesanía de Galicia forman parte xa das recomendacións da guía Homo Faber, unha plataforma online que selecciona a excelencia da artesanía de toda Europa. Nesta guía pódense descubrir os mellores artesáns de cada país europeo, así como artistas, tendas, museos, galerías, talentos emerxentes e experiencias vinculadas á artesanía de alta calidade.

 

A Homo Faber é unha plataforma que propón descubrir Europa a través da visita aos espazos de traballo dos artesáns, galerías, museos e experiencias vinculadas á artesanía de alta calidade. Os artesáns que aparecen nesta guía están recomendados pola Fundación Michelangelo para a Creatividade e a Artesanía e por membros da súa rede internacional ou embaixadores designados, persoas ou institucións de referencia vinculadas aos ámbitos da artesanía, da creatividade e do deseño, como é o caso do interiorista Tomás Alía ou de Fundesarte, en España. 

 

Ata o momento, os obradoiros de Artesanía de Galicia que forman parte desta guía online de recomendacións de artesanía europea son a cesteira Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), recoñecida co Premio Artesanía de Galicia 2021, co Premio de Artesanía Contemporánea 2021 da Asociación SacCo e co Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía 2014; o ebanista Frank Buschmann (Corcubión), Premio Artesanía de Galicia 2019 e Premio Antón Fraguas da Deputación da Coruña, na categoría de artesanía tradicional; a zoqueira Elena Ferro (Vila de Cruces), do obradoiro Eferro, Premio Nacional de Artesanía 2019 e Premio de Artesanía Antón Fraguas 2010, na categoría de Artesanía contemporánea; a ceramista Ana Tenorio, do obradoiro Witchneeds (Vigo), Premio Artesanía de Galicia 2018; o Obradoiro de Gaitas Seivane (Cambre), galardoado co Premio Traxectoria 2021 nos Premios Artesanía de Galicia, co Premio Nacional de Artesanía 2013 e coa Medalla Castelao 2014; a ceramista Paula Ojea de Ojea Studio (Vigo), Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía 2019 e Premio Bolsa Eloy Gesto nos Premios Artesanía de Galicia 2017; a artesá Mercedes Vicente (Brión) especializada en esculturas téxtiles, finalista do Loewe Craft Prize 2018; a ceramista Loaira Pérez, do obradoiro Raposiñas (A Pobra do Caramiñal), Premio Bolsa Eloy Gesto 2020 nos Premios Artesanía de Galicia; o obradoiro de coiro Santiago Besteiro (Monterroso), finalista dos Premios Artesanía de Galicia 2020 e 2021; a tecedeira Inés Rodríguez, do obradoiro Rir&Co Deseño Textil (Allariz), gañadora do I Certame de Materiais Innovadores de Galicia, na categoría Artesanal, e do 2º Premio de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación; o obradoiro especializado en iluminación Lago:Monroy (Nigrán); o obradoiro de tecido en baixo lizo Belategui Regueiro (Cambre); o ceramista Nano Unzueta, do taller Cerámica Unzueta (Brión), o obradoiro Lorenzo Design (Santiago de Compostela), de obxectos de madeira enfocado á gastronomía; a ceramista Laura Delgado (Cambre); e Sonia Degerónimo, do obradoiro Degerónimo (Santiago de Compostela), especializado na creación de obxectos con corda de algodón.

 
Exposición en Venecia

A Fundación Michelangelo organiza tamén a segunda edición do evento Homo Faber, unha exposición internacional que promove o talento artesanal e que está aberto ao público ata o 1 de maio en Venecia. Baixo o título Tesouros vivos de Europa e Xapón amósanse 15 exposicións de artesanía que permiten descubrir a conexión entre Europa a Xapón.

 

O obradoiro de coiro de Santiago Besteiro é un dos participantes nunha desas mostras, Next of Europe, a través de Domus, unha peza decorativa elaborada en coiro e granito coa que xa resultou finalista do Premio Europeo de Artesanía 2021.

 

O evento complétase cunha ampla variedade de materiais, técnicas e habilidades a través de demostracións en vivo, experiencias dixitais e visitas a talleres artesanais.

Imaxes relacionadas