A Xunta de Galicia elabora un protocolo para facilitar o acceso dos menores adoptados ou extutelados que o desexen ás súas orixes biolóxicas

O documento busca regular a actuación que deberán seguir os Gabinetes de Orientación Familiar para mediar e acompañar a ambas partes durante o proceso

Cada ano arredor de 20 persoas inician na Comunidade a procura dos seus ascendentes biolóxicos
 

 

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2022.- A Xunta de Galicia vén de elaborar un Protocolo de acceso ás orixes biolóxicas e outras informacións contidas nos expedientes de adopción e de protección á infancia e adolescencia para facilitar o proceso aos menores adoptados ou baixo o sistema de protección autonómico e ás súas familias biolóxicas. O documento busca regular a actuación que deberán seguir os diferentes Gabinetes de Orientación Familiar (GOF) da Administración galega para mediar e acompañar, en caso de que así o desexen, tanto ás persoas adoptadas ou extuteladas como ás súas familias biolóxicas.

 

Cada ano arredor dunha vintena de persoas inician na Comunidade o proceso de procura dos seus ascendentes biolóxicos. O texto elaborado pola Consellería de Política Social busca unificar estes procesos e dotar aos profesionais encargados de levalos a cabo de ferramentas e unha guía de actuación que garanta os dereitos e liberdades de todas as partes implicadas neles.

 
Entrevistas e expedientes

O protocolo porase en marcha en canto a persoa interesada en coñecer os seus ascendentes biolóxicos formule unha solicitude formal. Será entón cando os profesionais localicen e estuden o expediente solicitado para, a continuación, realizar unha entrevista coa persoa adoptada ou extutelada co obxecto de explicarlle o procedemento a seguir, expor os ricos asociados a todo proceso deste tipo e a transcendencia e consecuencias que pode levar consigo, e os dereitos lexítimos das partes que se deberán respectar, coñecer as súas motivación e clarificar as súas expectativas, así como ofrecerlle apoio psicolóxico. 

 

A continuación, o Gabinete de Orientación Familiar encargado iniciará a procura da familia biolóxica para entrevistarse con ela, coñecer a súa disposición a un encontro coa solicitante e estudar a idoneidade das súas circunstancias. En caso de que acceda a reunirse coa súa descendente, o GOF realizará as xestións oportunas para que este encontro se leve a cabo nas condicións axeitadas e, en caso de que a vontade de relación se mantea ofrecerá acompañamento para a consolidación da posible relación.

 
Circunstancias coxunturais

O texto especifica, así mesmo, que pasos se deberán seguir en caso de que algunha das partes non acceda a esta xuntanza, non se dea localizado, se dean circunstancias especiais de carácter coxuntural ou as solicitudes proveñan de alguén diferente á persoa adoptada ou extutelada, entre outros casos.

Imaxes relacionadas