A Xunta adxudica por máis de 107.000 € a mellora da contorna do campo da feira de Paiosaco, na Laracha

Os traballos centraranse en tres rúas e nunha praza e consistirán na ampliación das beirarrúas co fin de habilitar espazos máis accesibles e seguros para os peóns

O proxecto urbanístico enmárcase no convenio de colaboración asinado o pasado mes de febreiro entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que achegará o 70% do custo das obras, e o Concello da Laracha, que porá o 30% restante

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2022.-

A Xunta de Galicia acaba de adxudicar por algo máis de 107.000 euros, IVE incluído, o contrato para acometer varias actuacións de mellora na contorna do campo da feira de Paiosaco, no concello da Laracha.

 

En concreto, a intervención prevista, cun prazo de execución de catro meses, centrarase nas rúas Xosé Loureiro González, Xosé Neira Vilas e Álvaro Cunqueiro así como na praza Campo da Feira, localizadas en pleno núcleo urbano e polo tanto, nunha zona bastante frecuentada pola veciñanza.

 

Os traballos a executar teñen como obxectivo crear uns espazos urbanos máis amables para os peóns, dotándoos de maior comodidade e seguridade grazas á ampliación das actuais beirarrúas e á construción de tramos novos e accesibles onde non as hai; e reducindo á vez, na medida do posible, o tráfico rodado que soporta este ámbito. En definitiva, trátase de gañar máis espazo para os viandantes en detrimento dos vehículos.

 

O proxecto tamén prevé acometer unha mellora da imaxe xeral da zona mediante a renovación do mobiliario urbano, ao tempo que se farán as obras necesarias para dotar ás rúas Xosé Neira Vilas e Álvaro Cunqueiro dunha rede de pluviais.

 

Cómpre lembrar que esta actuación urbanística se executará grazas ao convenio de colaboración asinado o pasado mes de febreiro entre a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o rexedor, José Manuel López, en virtude do cal a Xunta achegará o 70% do custo das obras e o Goberno municipal, o 30% restante.

 

Os traballos na contorna do campo da feira de Paiosaco, ademais, enmárcanse nos obxectivos do plan Hurbe, unha liña de apoio económico aos concellos impulsada pola Xunta hai xa 12 anos co fin de contribuír á mellora dos equipamentos municipais e dos servizos públicos, así como á humanización e posta en valor das contornas urbanas.

 

Co mesmo fin, a Consellería ten reservados nos seus orzamentos deste ano unha partida de 7 millóns de euros para seguir apoiando este tipo de proxectos e iniciativas locais.

Imaxes relacionadas