O titular do Goberno galego visitou este mediodía as obras levadas a cabo no bordo portuario
Feijóo destaca a remodelación da fachada marítima de Porto do Son como exemplo da aposta pola integración dos portos nas vilas costeiras e a súa apertura ao mar
“Trátase de facer compatible a actividade portuaria coa humanización da contorna”, di
Salienta tamén o compromiso por mellorar as instalacións portuarias de toda a Comunidade, cun investimento desde 2009 de máis de 200M€ nos peiraos autonómicos, coa creación de amarres e abrigos, entre outros aspectos
Pide novamente ao Goberno central que toda a frota poida acollerse á rebaixa do prezo do combustible, así como outras medidas adicionais como a flexibilidade interanual nas cotas de pesca
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe á remodelación da fachada marítima de Porto do Son como exemplo da aposta pola integración dos portos nas vilas costeiras e a súa apertura ao mar.
“Trátase de facer compatible a actividade portuaria coa humanización da contorna, porque fermosismo é rehabilitar edificios de valor histórico nos cascos vellos das cidades e é reducir os impactos paisaxísticos, pero tamén é mellorar as fachadas marítimas e converter os bordos portuarios en zonas atractivas para os turistas e os veciños, xerando riqueza na vila”, dixo, durante unha visita ás obras realizadas na franxa costeira do Concello.
A administración autonómica investiu nesta obra catro millóns de euros e actuou nunha superficie de 26.000 metros cadrados. Os traballos realizados permitiron reorganizar a vía, crear un edificio de servizos náuticos e portuarios na proximidade do dique, humanizar a contorna coa plantación de árbores, harmonizar a zona de xeito que todas as rúas que cruzan a vila ata o porto teñen pavimento de pedra e construír unha rotonda elevada á que se trasladou o emblemático hórreo da vila.
Nesta mesma liña, Feijóo avanzou que a Xunta ten previsto novos proxectos na zona vinculados co ámbito marítimo, como a mellora do abrigo e ampliación do número de atraques no porto de Portosín -cunha achega de 1,9 millóns de euros- ou o acondicionamento das lonxas de Porto do Son e de Portosín.
A estes proxectos sumaranse outros en eidos como o educativo, coa construción dun novo colexio; o sanitario, cun novo centro de saúde; ou o saneamento, cunha nova depuradora na parroquia de Queiruga.
O presidente do Goberno galego concluíu recordando que, en paralelo á remodelación das fachadas marítimas, a Xunta está a facer unha grande aposta por mellorar as instalacións portuarias de toda a Comunidade. Non en van, desde 2009 investíronse máis de 200 millóns nos peiraos autonómicos coa creación de amarres e abrigos, entre outros aspectos.
Unhas actuacións que contribuíron, por exemplo, a que os portos galegos aumentasen, malia a pandemia, un 15% o seu tráfico en 2020 en relación con 2009, ou a que no ano 2019 os tránsitos da náutica recreativa superasen por primeira vez o nivel dos 10.000.
Feijóo aproveitou a súa intervención para pedir novamente ao Goberno central que toda a frota poida acollerse á rebaixa do prezo do combustible así como outras medidas adicionais como axudas de mínimis ou a flexibilidade interanual nas cotas de pesca. “É moi difícil compatibilizar as pesqueiras coa repercusión do prezo do combustible nas cotizacións dos produtos do mar en lonxa; necesitamos equilibrar o prezo dos carburantes, baixar a inflación e volver retomar a actividade pesqueira dentro da marxe de beneficios que corresponde a calquera traballador”, defendeu.