A Xunta licita por máis de 250.000 euros a instalación de 43 novas marquesiñas de autobús nas marxes das estradas autonómicas das catro provincias

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade colocará os novos refuxios en estradas da rede viaria da Xunta ao seu paso por un total de 32 municipios

O obxectivo é avanzar na renovación das marquesiñas do transporte público da Xunta, tras formalizarse xa o contrato para a fabricación e subministro de 200 dos novos refuxios cun investimento de máis de 1 M€

A instalación do resto dos refuxios realizarase no marco de diferentes obras de seguridade viaria ou será asumida directamente polos concellos solicitantes

As empresas interesadas teñen ata o 11 de maio para presentar as súas ofertas

Esta iniciativa do departamento que dirixe Ethel Vázquez vénse sumar á primeira fase, impulsada en 2018, mediante a que xa se instalaron un total de 152 refuxios, con deseños para ámbitos urbanos ou rurais, en diferentes concellos de Galicia
 

 

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2022.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, licita hoxe por 252.603 euros a instalación de 43 novas marquesiñas de transporte público nas marxes da rede de estradas autonómicas das catro provincias.

 

Trátase da instalación de novos refuxios cun deseño integrado nas contornas rurais que se distribuirán ao longo das vías autonómicas ao seu paso por un total de 32 municipios.

 

Esta actuación enmárcase no obxectivo de seguir impulsar a renovación de novas marquesiñas de transporte público da Xunta, tras formalizarse o contrato para a fabricación e subministro de 200 dos novos refuxios, por un investimento autonómico de máis de 1 millón de euros.

 

Co contrato licitado hoxe anticípase á instalación dos primeiros novos refuxios en terreos de dominio público viario, en zonas que contan coas autorizacións pertinentes e o compromiso dos concellos de asumir o seu posterior mantemento.

 

A medida que se vaian dispoñendo dos novos refuxios, nalgúns casos serán instalados no marco de diferentes obras de seguridade viaria e o resto serán entregados aos concellos para a súa colocación.

 

Mediante este contrato a Dirección Xeral de Mobilidade disporá dos servizos necesarios para a instalación destes novos refuxios nas marxes das estradas autonómicas, tendo as empresas interesadas nestes traballos ata o vindeiro 11 de maio para presentar as súas ofertas.

 

Os traballos que inclúe este contrato para a instalación das novas marquesiñas nas marxes das estradas autonómicas céntranse no ámbito concreto do punto de localización definido pola Xunta, estimándose o orzamento medio da instalación de cada refuxio nuns 4.500 euros.

 

O obxectivo da Xunta é dotar de instalacións axeitadas as paradas das liñas dos servizos de transporte interurbano de viaxeiros por estrada que ofrezan ao usuario unha protección fronte ás inclemencias meteorolóxicas e melloren a comodidade durante a espera.

 

As marquesiñas contan cun deseño integrado na paisaxe, incluíndo materiais autóctonos como a madeira.

 

Os traballos a executar

O contrato inclúe a colocación da marquesiña, a execución da soleira cando é necesario e a súa adaptación de pendentes enlazando co pavimento existente, para mellorar a accesibilidade.

 

Ademais comprende as tarefas de reposición da drenaxe lonxitudinal da estrada, a reposición de accesos cando é necesario, a  execución de pequenos muros cando hai desnivel, e o ensanche puntual da beirarrúa cando non se poden cumprir as condicións necesarias de accesibilidade. Tamén se inclúe a colocación do sinal de “BUS”.

 

Esta iniciativa do departamento que dirixe Ethel Vázquez vénse sumar á primeira fase, impulsada en 2018, mediante a que xa se instalaron un total de 152 refuxios, con deseños para ámbitos urbanos ou rurais, en diferentes concellos de Galicia. Nesta primeira fase a Consellería de Infraestruturas achegoulles as marquesiñas aos concellos para a súa instalación, asumindo a súa conservación e mantemento.

 

Estas intervencións enmárcanse no Plan de mellora de refuxios de paradas dos servizos de transporte público que está a impulsar o Goberno galego co obxectivo de fomentar unha imaxe recoñecible das marquesiñas de Galicia.

 

A Xunta, tras completar o Plan de Transporte Público de Galicia, continúa traballando na modernización dos servizos e das infraestruturas do transporte para responder de xeito eficiente ás necesidades reais dos cidadáns en materia de mobilidade.