A Xunta comezará en maio a execución do acceso provisional a Folgoso do Courel co fin de que o tráfico na estrada LU-651 estea restituído no verán

Francisco Menéndez indica que o acceso, de 740 metros de lonxitude e cun orzamento de 770.000€, garantirá a mobilidade na zona, tamén para vehículos pesados, mentres non se determina a solución definitiva


Explica que a nova vía facilitará as comunicacións e o acceso dos veciños aos servizos públicos, que agora deben circular pola estrada que pasa pola Campa e Vidallón, que non ofrece a funcionalidade suficiente

 Sinala que a Xunta vén realizando sondeos xeotécnicos para coñecer o estado

do terreo e avaliar a viabilidade de distintas alternativas para restablecer a estrada, ao tempo que traballa na declaración da emerxencia

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2022

A Xunta comezará en maio as obras de execución do acceso provisional a Folgoso do Courel co fin de restituír o tráfico na estrada LU-651 no verán.

 

Así o avanzou hoxe o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, na súa intervención na Comisión 2ª do Parlamento, onde abordou a situación e precisou que, o antes posible que o permitan os traballos técnicos, tamén se elevará ao Consello da Xunta o expediente da declaración de emerxencia das actuacións.

 

Lembrou que a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acordou onte coa alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, acometer este acceso provisional, mentres se determina a alternativa definitiva máis segura e viable.

 

Destacou que o novo acceso, que se desenvolverá nas proximidades do treito afundido, terá unha lonxitude duns 740 metros, un orzamento de máis de 770.000 euros e posibilitará garantir a mobilidade na contorna, tamén para vehículos pesados, sendo a alternativa máis eficiente a curto prazo.

 

Cómpre lembrar que a estrada LU-651 permanece cortada ao tráfico entre Quiroga e Folgoso como consecuencia do desprendemento rexistrado á altura do quilómetro 18, na zona Santa Eufemia, o pasado 20 de marzo.

 

Menéndez subliñou que a Xunta actuou desde o primeiro momento que tivo lugar o afundimento, traballando na declaración de emerxencia para poder executar a obra coa máxima axilidade posible e cunha solución rápida e segura.

 

Indicou que a Consellería de Infraestruturas estivo a realizar estas semanas unha campaña de sondeos xeotécnicos na zona do afundimento para coñecer en profundidade o estado e o comportamento do terreo co fin de poder avaliar a viabilidade das distintas alternativas e o restablecemento da conexión viaria.

 

Entre as alternativas definitivas propostas, referiuse á execución dun viaduto para salvar o treito da vía desprendido, á construción dunha vía de novo trazado en falso túnel ou en desmonte, ou a execución dun túnel máis afastado, duns 400 metros de lonxitude.

 

Puntualizou que calquera destas opcións contará cun prazo de execución prolongado, pola súa complexidade. Neste sentido, sinalou que a estrada provisional garantirá a mobilidade dos veciños e facilitará o acceso aos servizos públicos, xa que na actualidade circulan pola vía ao paso pola Campa e Vidallón, que non ofrece unha funcionalidade suficiente.

 

En relación coas responsabilidades e a repercusión do custo dos labores necesarios para restablecer a estrada, apuntou que a Xunta realizará as indagacións oportunas e exixirá as responsabilidades que correspondan, de acordo co previsto no artigo 58 da Lei 8/2013, de estradas de Galicia, sobre danos e prexuízos causados ao dominio público viario.

 

Ademais lembrou que a Xunta xa ten adxudicadas as obras de acondicionamento nesta mesma estrada, entre Folgoso do Courel e Seoane, concretamente entre Ferrería Vella e Seoane, na que se vai investir 3,4 M€. A execución desas obras decidirase de forma coordinada entre o Goberno galego e o Concello de Folgoso, tendo en conta a planificación dos traballos que será necesario desenvolver para a restitución do treito de estrada desprendida.

Imaxes relacionadas