A Xunta firma coas Sociedades de Garantía Recíproca os convenios para activar as liñas de financiamento que permiten ás gasolineiras facer fronte aos descontos que ofrecen aos seus clientes

Esta medida, enmarcada dentro do Plan de Choque autonómico, busca apoiar ás estacións de servizo galegas mentres non cobran os anticipos comprometidos polo Goberno central

O tipo de xuro inclúe unha bonificación do 1,5% e a contía dos préstamos oscila entre 3000 e 300.000 euros

A través do convenio aválanse operacións financeiras por un máximo de 80M€, dos que se prevé que 60 sexan para esta liña de reaval destinada a responder ás dificultades que atravesan as pemes e que dá prioridade a gasolineiras e demais empresas afectadas polo contexto económico actual

Ao marxe deste acordo coas sociedades de garantía recíproca, a Xunta tamén aproba destinar 28M€ a préstamos directos para facilitar financiamento ao tecido empresarial galego, con especial atención á operativa das industrias afectadas polo incremento de prezo de materias primas e subministracións

Estes créditos atenden tamén a investimentos estratéxicos e proxectos de I+D+i levados a cabo por centros tecnolóxicos, asociacións empresariais e fundacións,
así como operacións da industria auxiliar naval

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2022

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Igape, vén de firmar o convenio coas Sociedades de Garantía Recíproca (SGR) -Afigal e Sogarpo- que permite activar liñas de financiamento para que as estacións de servizo poidan facer fronte aos adiantos que están a desembolsar tras a rebaixa de 20 céntimos no litro de combustible aos seus clientes. Cómpre lembrar que as gasolineiras están neste momento agardando a que o Goberno central cumpra o seu compromiso de pagar estes anticipos. O novo acordo de colaboración coas SGR rubricouse onte mesmo, tramitándose polo tanto coa máxima dilixencia posible tras ser aprobado no Consello da Xunta o pasado venres 8 de abril no marco das medidas que conforman o Plan de Choque autonómico.

Un dos principais obxectivos é facilitar ás empresas galegas -entre as que se encontran as estacións de servizo- o financiamento dos seus pagos operativos e investimentos para reducir a súa exposición ás materias primas máis encarecidas e á subida dos combustibles. A contía dos préstamos oscila entre 3000 e 300.000 euros, incluíndo o tipo de xuro unha bonificación do 1,5%.

Entre os requisitos para acollerse a esta liña figuran o incremento do custo das materias primas do sector, que debe situarse por riba do 50% con respecto ao 2021 -cifra que se reduce a un 20% no caso das gasolineiras-; que o gasto en combustible e subministración enerxética supoña, como mínimo, o 25% da súa facturación do ano pasado; ou aquelas empresas que teñan unha exposición comercial nos mercados de Ucraína e Rusia.

Esta liña de reavais non é a única que se inclúe dentro deste convenio coas Sociedades de Garantía Recíproca. De feito, o acordo permite avalar, en total, operacións por un máximo de 80 millóns de euros, dos que ata 60 millóns se poden destinar a esta liña que dará resposta ás dificultades económicas que están a atravesar as pemes máis afectadas no actual contexto económico, entre as que se atopan as estacións de servizo.

O resto do financiamento diríxese a tres liñas adicionais de reaval. Nunha delas, as estacións de servizo tamén se encontran entre as posibles empresas beneficiarias: trátase do chamado reaval funcionamento, unha modalidade dirixida ao financiamento de tráfico comercial -adianto de efectos comerciais e facturas, pólizas de pagamentos a provedores e de comercio exterior-.

A maiores, as outras dúas liñas que completan o convenio da Xunta de Galicia coas SGR son para favorecer o reaval de pemes vencelladas a outras actividades económicas: por un lado, para o acceso a préstamos avalados a longo prazo para financiar investimentos produtivos ou circulante estrutural por parte das pemes galegas; e, por outro, para garantías ante terceiros vinculadas a operación de tráfico ou avais técnicos.

28 millóns en préstamos directos

En paralelo a esta liña de avais firmada coas sociedades de garantía recíproca tras o acordo do Consello da Xunta do pasado venres, a Administración autonómica complementa o seu programa de préstamos directos cunha dotación de 28 millóns de euros que facilita, unha vez máis, o acceso ao crédito ao tecido empresarial galego. Neste caso, presta especial atención ás industrias afectadas polo incremento de prezo de materias primas e subministracións como consecuencia do actual conflito bélico.

Neste sentido, o programa achega financiamento ás industrias manufactureiras prexudicadas polo incremento de prezo das materias primas, de cara a que poidan financiar pagos operativos, investimentos para a mellora competitiva, reducir a dependencia de determinadas materias primas e provedores, ou dispoñer de garantías para acceder aos avais necesarios para a súa actividade.

Entre os requisitos para solicitar estes préstamos, que oscilan entre os 300.000 euros e o millón de euros, figuran, como no caso dos avais, que as empresas soporten un incremento de prezos de máis do 50% respecto ao 2021, ou que o gasto en combustible e subministración enerxética superase o 25% da súa facturación do ano pasado.

Máis alá da liña destinada ás empresas afectadas pola invasión rusa de Ucraína, estes préstamos directos comprenden outras tres liñas para atender investimentos estratéxicos, impulsar proxectos de I+D+i levados a cabo por centros tecnolóxicos, asociacións empresariais ou fundacións, e achegar financiamento a operacións da industria auxiliar naval.

Imaxes relacionadas