O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta, Luis López, e a directora do Intecmar, Covadonga Salgado, supervisaron hoxe o avance destas actuacións nos Praceres

A Xunta subliña un “enorme salto na calidade das augas da ría de Pontevedra” grazas á mellora da depuradora e avanza máis progresos co novo emisario, que completa un investimento de case 30 M€

Alfonso Rueda destacou o compromiso da Xunta con Pontevedra, con investimentos que acadan máis de 240M euros e que supoñen ademais dunha mellora para os cidadáns pontevedreses, tamén un gran pulo para a dinamización e mobilización económica pontevedresa

Ethel Vázquez destaca os resultados satisfactorios dos parámetros das augas tratadas pola depuradora na actual fase final de posta en marcha e de probas, que se prevé culminar no verán tras un investimento da Xunta 16,5 M€

Avanza que o ritmo na execución do novo emisario, ao que se destinan 12 M€, permitirá concluír a finais deste mesmo mes de abril o treito en túnel e rematar as obras este ano

Destaca que a depuradora dos Praceres é a cuarta máis grande en Europa na súa tecnoloxía e que agora mesmo a perforación do emisario avanza a unha velocidade de 40-90 mm/min, con 370 metros do túnel xa executado, con traballos as 24 horas e os 7 días da semana

Estas 2 intervencións enmárcanse no Plan de saneamento da ría, que se complementará con accións como o saneamento do río Lameira, o bombeo de Cocheras, ou saneamento da Seca e do Porto de Campelo en Poio, sumando un investimento da Xunta de 50 M€

A Xunta agarda que estes investimentos para apoiar aos concellos da ría nas súas responsabilidades de saneamento e depuración se vexa materializados o antes posible para o saneamento de Raxó, comprometido polo Goberno de España
 

Pontevedra, 11 de abril de 2022

A Xunta subliña un “enorme salto na calidade das augas da ría de Pontevedra” grazas á mellora da depuradora e avanza máis progresos co novo emisario, que completa un investimento de case 30 M€.

O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a directora do Intecmar, Covadonga Salgado, trasladáronse hoxe á depuradora dos Praceres, que está a ser epicentro dunha das máis relevantes actuacións do Goberno galego nesta cidade e escenario, ademais, dun importantísimo volume de investimentos.

Alfonso Rueda destacou a forte aposta da Xunta pola cidade capitalina con investimentos como este, tan necesarios para Pontevedra e a súa comarca, sumados á obra do Gran Montecelo, á estación intermodal, ás melloras levadas a cabo noz Xulgados, e á modernización dunha decena de colexios e institutos ou o plan de mobilidade na vella estrada de Marín, Xeve e Marcón, entre outros.

Iso reflicte o compromiso da Xunta con Pontevedra, con investimetos que acadan máis de 240 millóns de euros e que supoñen unha mellora para os cidadáns pontevedreses e tamén un gran pulo para a dinamización e mobilización económica e un gran impulso á economía pontevedresa, precisou o vicepresidente primeiro.

No que se refire o traballo da Xunta nos Praceres, Ethel Vázquez incidiu na complementariedade das 2 actuacións. Dunha banda, as obras concluídas de mellora da depuradora, cun investimento da Xunta de 16,5 M€, que está na fase final da posta en marcha e probas, e que se prevé culminar no vindeiro verán. E, doutra banda, a obra do novo novo emisario, ao que se están a destinar 12 M€ a mellorar a saída das augas depuradas, mellorando a dilución e a dispersión para que non afecte nin á actividade extractiva nin ao baño.. As actuación están cofinanciadas pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014/2020.

Precisou que as obras centráronse na remodelación do tratamento secundario, para poder garantir a boa depuración dun caudal de 900 l/s de auga. Actuouse no reactor biolóxico, dispoñendo un tratamento de leito móbil e unha clarificación das augas cun físico-químico lastrado por microarea. Tamén se ampliou a liña de fango para ter en conta novas achegas e realizáronse as accións precisas para que a depuradora seguise traballando durante as obras.

Apuntou á principal meta das actuacións na depuradora, de conseguir que as augas tratadas pola planta acaden os parámetros de vertido vixentes e se acheguen aos límites marcados pola Directiva europea. Así, á falta de rematar a fase de probas, acádanse xa resultados satisfactorios e unha mellora notable dos parámetros, sobre todo en tempo seco. Salientou, ademais, que esta depuradora dos Praceres é a cuarta máis grande de Europa na súa tecnoloxía.

Sumou a este traballo, os 10 M€ que a Xunta destinará durante os vindeiros 2 anos a garantir, as 24 horas e o 365 días do ano, o correcto funcionamento da depuradora renovada, sendo Pontevedra a única depuradora das 7 cidades que xestiona a Xunta e non o Concello, a quen lle correspondería por competencias.

A conselleira subliñou que para cumprir coa meta de acadar o saneamento integral da ría, a Xunta segue traballando e avanza, a pleno rendemento, nas obras do novo emisario, das que destacou a súa singularidade pola súa complexidade técnica e pola vontade de que se desenvolva sen afectar a produción marisqueira.

Para evitar o impacto nos bancos marisqueiros a pé, durante o proceso de información pública decidiuse incrementar o treito inicial de túnel do emisario, o que supuxo elevar o investimento en 2 M€, no marco do dialogo continuo coas confrarías. Tamén se desprazou a cámara de carga e a estación de bombeo para reducir o seu impacto visual e deixar libre a fachada litoral.

Sobre o desenvolvemento desta obra, Ethel Vázquez confirmou que ao ritmo actual, a previsión é que o treito en túnel do novo emisario submarino da ría de Pontevedra estea concluído a finais deste mesmo mes de abril, tal e como estaba programado, co fin de rematar e poñer en marcha as obras do novo emisario este mesmo ano.

Referiuse á plena execución das obras, con avances importantes xa na cámara de carga e na súa conexión coa depuradora, onde se centraron os traballos nos últimos meses. E destacou que, desde finais do pasado mes de marzo, se está xa na fase máis interesante coa execución do túnel, empregando unha máquina singular de grandes dimensións importada de Alemaña.

Concretou que a citada máquina desenvolve as obras mediante unha tecnoloxía singular, chamada ‘directi pipe’, de perforación dirixida, un sistema pioneiro en España. A tuneladora, na fronte da excavación avanza, abríndolle paso á tubaxe que formará o túnel e un propulsor fai o empurre cara ao interior e permite o avance dese conxunto de tuneladora máis tubaxe. A tuneladora está a avanzar a unha velocidade de 40-90 mm/ min e se rexistra xa un avance de 370 metros do túnel, formado en total por 700 metros. Os traballos estanse a realizar as 24 horas do día, con turnos tamén en fins de semana.

A mellora da depuradora e a construción do emisario enmárcanse no Plan de saneamento da ría de Pontevedra elaborado pola Xunta, que se complementan con outras intervencións previstas, en diferentes fases de tramitación, ata completar un investimento de case 50 M€ nesta ría. En concreto, comprende actuacións como o saneamento do río Lameira, o bombeo de Cocheras, o saneamento da Seca e o do Porto de Campelo en Poio.

Ethel Vázquez expresou a confianza de que estes investimentos da Xunta para apoiar aos concellos desta ría nas súas responsabilidades de saneamento e depuración, nas que tamén deben implicarse de forma directa, se vexa tamén materializados o antes posible na solución definitiva para o saneamento de Raxó, comprometido polo Goberno de España.
 

Imaxes relacionadas