A Xunta reforza a súa aposta polas Agrupacións de Protección Civil e destaca o seu traballo altruísta a prol da seguridade da cidadanía galega

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, destacou hoxe na visita á AVPC de Tui o investimento de 18 M€ nas agrupacións da comunidade para sufragar os seus gastos de funcionamento e na dotación de material de emerxencias

O Goberno galego destinou nos últimos anos axudas por máis de 43.500 euros á agrupación local tudense, que o ano pasado recibiu un vehículo todocamiño para labores relacionados co medio ambiente e outras actuacións no ámbito municipal

Tui (Pontevedra), 11 de abril de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Tui, á que a Xunta apoiou nos últimos anos nos seus gastos de funcionamento e na dotación de material de emerxencias con máis de 43.500 euros.

Santiago Villanueva incidiu que co seu labor altruísta e desinteresado velan cada día pola seguridade dos seus veciños. Por iso, sinalou o compromiso da Xunta para dotar do equipamento necesario a estas agrupacións para que poidan realizar o seu traballo con seguridade e mellorando a eficiencia do servizo.

Por unha parte, coas axudas anuais coas que o Goberno galego financiar os gastos das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) dos concellos de menos de 50.000 habitantes, ás que este ano se destinou 340.000 euros para as 234 agrupacións da comunidade, co obxectivo de atender as necesidades de equipamento e uniformes; equipos de prevención e protección, sempre que se trate de material funxible; custos de actuación ou formación dos seus membros; pago de seguros; así como os gastos derivados do mantemento, transporte, ou conservación e alugamento da base e medios de intervención xunto co equipamento de material informático e de comunicacións.

Co obxectivo tamén de reforzar o equipamento das agrupacións, o Goberno galego destinou o ano pasado 1 millón de euros á orde de axudas, a través da que se dotaron a distintas AVPC de 19 vehículos todocamiño tipo pick-up, 6 remolques para a atención das emerxencias, 26 tendas de campaña, 8 coitelas para a retirada de neve e oito esparexedores de sal.

En total, nos últimos anos a Xunta leva destinados 18 millóns de euros en apoio ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, máis de 4 millóns para sufragar os seus gastos de funcionamento e máis de 14 millóns de euros no reforzo do seu equipamento.

No caso da agrupación de voluntarios de Protección, a Xunta apoiou a súa actividade coa dotación dun desfibrilador e, o ano pasado, cun vehículo todocamiño tipo pick-up para labores relacionados co medio ambiente e outras actuacións en favor da veciñanza. Ademais, os voluntarios de Protección Civil prestan, tamén con apoio do Goberno galego, labores de asistencia e apoio aos peregrinos do Camiño Portugués ao seu paso por Tui.

Santiago Villanueva tamén lembrou que a este investimento hai que sumar os 47 millóns destinados aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) dos que a Xunta asume máis da metade do seu custe de funcionamento, o que supón 40 millóns de euros nos últimos anos, aos que se suman outros 7 millóns en material de emerxencias.

A Xunta aposta ademais pola formación no ámbito das emerxencias, que se leva a cabo desde a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), co obxectivo de achegar tanto aos voluntarios como aos efectivos dos GES os contidos necesarios para actualizar o seu aprendizaxe en materias que teñan aplicación no seu traballo diario.

Imaxes relacionadas