A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou os proxectos en materia de patrimonio natural que se levarán a cabo no municipio

A Xunta comezará en maio a restauración ecolóxica da duna de Morouzos e da senda litoral de Luama en Ortigueira, cun investimento de máis de 280.000 €

Anuncia que esta actuación será complementaria á que se executará no río Mera para eliminar en ambas marxes especies exóticas invasoras

Adianta que antes do verán avaliadores independentes da Unesco visitarán Cabo Ortegal para verificar o grao de cumprimento para converterse no segundo xeoparque mundial declarado na Comunidade
 

Ortigueira (A Coruña), 11 de abril de 2022

A Xunta comezará o vindeiro mes a restauración ecolóxica da duna de Morouzos e da senda litoral de Luama en Ortigueira, cun investimento de 280.000 euros.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentou esta mañá varios proxectos para a recuperación do patrimonio natural neste concello; entre os que destaca esta actuación que ten por obxectivo a restauración ecolóxica de máis de 45 hectáreas do sistema dunar da zona de especial conservación (ZEC) Ortigueira-Mera, así como da zona húmida protexida Ría de Ortigueira e Ladrido, na que se poden avistar poboacións invernantes de especies migratorias que seguen a ruta do Atlántico oriental, á vez que constitúe unha importante área de refuxio para as aves mariñas en períodos de condicións adversas.

Os traballos no sistema dunar consistirán na erradicación e control de especies arbóreas non propias, especialmente piñeiros, para reducir o avance desta especie e recuperar a dinámica natural deste espazo; que na actualidade presenta un estado de conservación inadecuado e con tendencia ao deterioro, sobre todo das dunas costeiras fixas con vexetación herbácea (dunas grises). No que atinxe á senda litoral, retiraranse especies exóticas invasoras, como acacias; ao mesmo tempo que se retirarán pés de eucaliptos.

Por último, efectuaranse traballos para obter cartografía dixital daquelas zonas nas que estaban presentes os piñeiros, co fin de estudar e coñecer a evolución do sistema dunar e recordou que a Ría de Ortigueira-Ladrido é tamén un dos seis humidais Ramsar declarados en Galicia.

Tal e como explicou a conselleira, esta actuación completarase cos traballos que se levarán a cabo no río Mera, ao seu paso por Ortigueira, unha actuación enmarcada dentro do plan de actuación integral -impulsado pola Xunta- Proxecto Mil Ríos.

No conxunto de Galicia, Mil Ríos permitirá actuar en 470 quilómetros de 50 cursos fluviais, entre os que se atopan os 3,5 quilómetros do río Mera. Deste xeito, ambas marxes serán liberadas de especies exóticas invasoras, tanto no dominio público hidráulico coma na zona de servidume, polo que se actuará en 3,5 hectáreas.

Ángeles Vázquez destacou que estas actuacións servirán para poñer en valor a riqueza natural desta zona e sen dúbida serán un apoio máis á candidatura de Cabo Ortegal a xeoparque mundial, que -de acadalo- sería o segundo de Galicia, despois de que o xeoparque das Montañas do Courel acadara este recoñecemento en abril de 2019, lembrou.

Adiantou que entre maio e xuño se prevé que os avaliadores independentes realicen as correspondentes visitas para analizar o grao de cumprimento dos criterios fixados pola Unesco para integrarse na rede mundial de xeoparques.

A conselleira sinalou que este espazo -de 62 km2 e que abrangue sete municipios, que aglutina a unha poboación de máis de 28.000 habitantes- destaca pola súa excepcional riqueza xeolóxica, con máis de 52 lugares catalogados de interese e adiantou que a declaración como xeoparque daralle un pulo definitivo a estes valores, abrindo novas oportunidades para garantir a dinamización social, cultural, turística e económica da súa área de influencia.

Nese sentido, mostrouse convencida de que cando se rematen ditos informes -no mes de setembro- avanzarase un paso definitivo para elevar -a partir de marzo de 2023- a candidatura ante a UNESCO, co fin de incorporala á rede de protección ambiental de xeoparques mundiais.

 

Imaxes relacionadas