A Xunta investirá preto de 114.000 euros en traballos preventivos de incendios forestais no distrito XIX de Caldas-Salnés

Os labores levaranse a cabo en montes dos municipios de Pontecesures, Valga, Caldas de Reis, Catoira e Vilagarcía de Arousa

Consistirán na roza e mellora de sendas e pistas forestais, así como na realización de podas e rareos en áreas cortalumes

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2022

A Consellería do Medio Rural investirá un total de 113.683,11 euros na realización de diferentes traballos preventivos de incendios forestais no distrito XIX (Caldas-Salnés). En particular, con estes fondos levaranse a cabo labores en montes das parroquias de Pontecesures, Grobas e Fenteira, no concello de Pontecesures; das de San Miguel, Cordeiro e Setecoros, no de Valga; das de Carracedo en Caldas de Reis; das de Catoira e Abalo no de Catoira; e das de Bamio e Guillán no municipio de Vilagarcía de Arousa.

Estas intervencións enmárcanse no Plan preventivo de incendios forestais da Consellería do Medio Rural, que no ano 2021 contou cun orzamento de case 30 millóns de euros para actuar en máis de 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación.

Os traballos consistirán na mellora de sendas forestais cunha pa e con motoniveladora (aportando material onde sexa necesario), ademais da roza previa e da instalación de pasos de auga nalgunha das pistas. Tamén se farán rozas, podas e rareos en áreas cortalumes.

A realización de faixas auxiliares e de rozas de matogueira de diversas alturas e densidades en pistas ten como obxectivo diminuír o risco de incendios forestais e evitar a súa propagación, así como facilitar o tránsito polo monte dos medios de prevención e extinción.

Nas áreas cortalumes rebaixarase a densidade da vexetación, co fin de crear ou mellorar liñas de defensa, dificultando a propagación do lume e facilitando os traballos de extinción nestas zonas estratexicamente localizadas.

Departamento:
C. do Medio Rural