A Xunta ofrece formación online aos profesionais da marca Artesanía de Galicia

A Administración autonómica pon á súa disposición 105 prazas de formación especializada en márketing dixital, fotografía, deseño e presenza dixital, a través de cinco cursos que se desenvolverán entre abril e maio

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2022

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Fundación Artesanía de Galicia, continúa co programa de formación online Achega Dixital, dirixido a obradoiros que forman parte da marca Artesanía de Galicia e para a que se ofrecen 105 prazas divididas en cinco actividades formativas.

Entre o martes e o venres desta semana celebrouse o primeiro dos cursos que forman parte da edición deste ano, Crear nomes estratéxicos para marcas, pezas ou coleccións, impartido por Beatriz Fontán, da axencia Será por nombres. Os seguintes catro cursos de formación correrán a cargo de SOC Agencia de Marketing Digital y Comunicación. Os días 18 e 20 de abril terá lugar o curso Perfil de empresa en Google (Google my business), orientado a posicionar a ficha de google para as empresas artesás, crear e xestionar o seu perfil, así como a súa optimización para gañar visibilidade entre as buscas dos usuarios. Esta actividade impartirase en horario de 18:00 a 22:00 horas.

A partir do 22 de abril comeza o curso Email Marketing, centrado en amosar como empregar os correos electrónicos masivos para aumentar as vendas. A actividade continuará os días 26 e 28 de abril, 2, 4 e 6 de maio, en horario de 18:00 a 20:00 horas. O 9 de maio, en horario de 17:00 a 20:00 horas terá lugar o curso Edición de fotografía de produto con Snapseed, orientado a mellorar a imaxe de marca dos obradoiros participantes a través da edición das súas fotografías cunha aplicación sinxela, potente e gratuíta.

O último dos cursos de formación especializada para artesáns desta primeira parte do ano estará centrado na Creación de creatividades con Canva e comezará o 11 de maio. O obxectivo é que os obradoiros participantes aprendan a manexar este intuitivo programa de deseño para a realización de diferentes accións: publicacións para redes sociais, tarxetas, flyers, etc. A actividade continuará os días 13, 16, 18, 20 e 23 de maio, en horario de 18:00 a 20:00 horas.