O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, mantivo unha reunión con representantes deste colectivo

Política Social avanza coa colaboración da Asociación Galega de Directores de residencias sociais no Plan de formación de persoal

Este encontro, realizado no marco de reunións que se realizan co sector, serviu para que a entidade fixese achegas á Consellería sobre a formación dos profesionais de cara a mellorar a calidade do servizo

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2022

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, avanzou coa Asociación de Directores de Residencia Sociais no Plan de Formación de persoal que está a desenvolver a Xunta de Galicia de cara a mellorar a calidade do servizo nos centros residenciais. Este encontro, realizado no marco de reunións que a Consellería realiza co sector, serviu para que os representantes do colectivo fixesen achegas que permitan continuar mellorando a atención.

Ademais da formación e da aprendizaxe dos profesionais, o director xeral de Atención Integral Sociosanitaria coñeceu de primeira man a evolución dos centros residenciais despois do impacto da covid-19. Neste sentido, púxose en valor a volta á normalidade nas residencias, onde se están a manter certas medidas de prevención, co fin de garantir a saúde dos usuarios e o seu benestar físico e emocional

Outro dos puntos do encontro foi o novo modelo residencial posto en marcha pola Xunta de Galicia e que consta de catro piares básicos: a humanización do trato e a formación continuada; o aproveitamento do potencial que ten a tecnoloxía para perfeccionar a atención ás persoas maiores; as melloras na coordinación entre a sanidade e os servizos sociais; e as reformas estruturais que se comezarán a aplicar en todas as residencias de nova construción.