Os beneficiarios do bono social térmico e do seu complemento extraordinario xa poden consultar a axuda que lles corresponde

Máis de 66.400 familias galegas beneficiaranse desta achega ás familias máis vulnerables para paliar a pobreza enerxética derivada da actual situación

Santiago de Compostela, 7 de abril 2022

A Xunta de Galicia vén de publicar as resolucións sobre a concesión tanto do Bono Social Térmico como do complemento extraordinario que o Goberno galego comezará a achegar este mes ás familias máis vulnerables. Os beneficiarios desta axuda autonómica, que ascenden a máis de 66.400 na Comunidade, xa poden consultar os seus datos e a contía da achega que lles corresponde na páxina web da Consellería de Política Social.

O Bono Social Térmico é un programa de axudas destinadas a paliar a pobreza enerxética en fogares que son beneficiarios do Bono Social Eléctrico. A súa finalidade é axudar a afrontar os gastos de calefacción, cociña ou auga quente. A esta achega sumarase o complemento autonómico de carácter extraordinario que complementará o Bono e que ascende a 100 euros.

A contía total da axuda que percibirá cada beneficiario dependerá de se son consumidores vulnerables ou moi vulnerables, así como da zona climática de Galicia onde se resida, e oscilará entre os 228 e os 473 euros. Os beneficiarios non terán que facer, ademais, ningún trámite, agás que na carta personalizada que reciban no seu domicilio se lle indique que fai falla algunha documentación, xa que recibirán o ingreso na súa conta bancaria de forma automática.

De xeito complementario á súa publicación na páxina web da Consellería de Política Social, a Xunta de Galicia está a enviar unha carta ao domicilio de todos os beneficiarios na que lles informa da contía que se lles transferirá e da conta bancaria na que se fará o ingreso.

Plan de choque

A través desta axuda o Goberno galego dá cumprimento ao compromiso adquirido no plan de choque para mitigar a suba de prezos de axilizar esta axuda e ampliala. A iniciativa galega consta de doce medidas destinadas a mitigar este problema e minimizar o impacto nos cidadáns e no tecido produtivo, e dirixidas a facilitar liquidez aos sectores máis afectados, apoiar ao tecido produtivo e axudar ás familias a chegar a fin de mes, especialmente as máis vulnerables e as que, polas súas circunstancias, deben afrontar gastos máis elevados.

Imaxes relacionadas