ADOS convida á cidadanía a doar sangue para incrementar as reservas nestas datas previas aos festivos de Semana Santa
Os grupos sanguíneos máis demandados polos hospitais galegos nestas semanas son A + e 0 +
As unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue visitarán máis de 40 concellos galegos para garantir o abastecemento dos diferentes grupos sanguíneos dos nosos hospitais
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) convida a cidadanía galega a doar sangue nos días previos aos festivos de Semana Santa, en especial aos doantes A Positivo e 0 Positivo. As reservas destes dous grupos sanguíneos presentan niveis baixos, polo que é preciso reforzar o permanente chamamento á participación nas campañas de doazón que realiza a Consellería de Sanidade por mediación de ADOS.
En moitos dos labores asistenciais que se realizan a diario nos hospitais de Galicia son imprescindibles os compoñentes sanguíneos. En períodos vacacionais, como Semana Santa, pode baixar o número de doazóns, pero non acontece o mesmo coa demanda de sangue e os seus derivados que precisan os centros sanitarios. Por iso, é imprescindible a xenerosidade e altruísmo de toda a cidadanía, polo que ADOS solicita un esforzo especial para incrementar as reservas de sangue. Neste sentido, lembrar que durante todos os días do ano, precísanse entre 400 e 500 doazóns de sangue para que os hospitais galegos realicen o seu labor asistencial de maneira axeitada.
Doar é moi sinxelo e seguro
Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas. Ademais, sinalar que sempre están presentes as máis rigorosas medidas de seguridade.
As distintas unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue visitarán nestes días máis de 40 concellos galegos para conseguir as doazóns precisas que garantan o desenvolvemento do gran labor asistencial dos distintos centros sanitarios de Galicia.
ADOS espera contar de novo coa solidariedade da cidadanía galega nos seguintes desprazamentos:
DATA | CONCELLOS |
Luns 11 de abril | Pontedeume, Os Rosales e Os Mallos (A Coruña), Silleda, Muros, Vilanova de Arousa, A Cañiza, Fornelos de Montes, Mondoñedo, Rúa do Paseo (Ourense) |
Martes 12 de abril | Cedeira, Sada, Canton-Obelisco (A Coruña), Bertamiráns (Ames), A Picota (Mazaricos), O Grove, Balaídos e Rúa Príncipe (Vigo), Ribadeo, Xinzo de Limia |
Mércores de 13 abril | Miño, A Laracha, Vilaboa, Area Central (Santiago), Sigüeiro (Oroso), Caldas de Reis, Ponteareas, Rúa Príncipe (Vigo), Praza Horta do Seminario (Lugo), O Posío (Ourense) |
Sábado 16 de abril | Cabanas, A Laracha, Milladoiro (Ames), Lalín, Ponteareas, Xinzo de Limia |
Ademais, tamén se pode doar sangue nos locais de doazón existentes nas sete grandes cidades galegas:
CENTRO | HORARIO (Excepto o Xoves e Venres Santo) |
HOSPITAL CLÍNICO UNIVERSITARIO DE SANTIAGO | Luns a venres das 8.00 ás 22.00 horas Sábado das 8.00 ás 15.00 horas |
HOSPITAL UNIVERSITARIO DA CORUÑA | Luns a venres das 8.00 ás 22.00 horas Sábado das 8.00 ás 15.00 horas |
HOSPITAL ARQUITECTO MARCIDE DE FERROL | Luns das 15.00 ás 22.00 horas Martes, mércores e xoves das 08.00 ás 15.00 horas Venres das 8.00 ás 22.00 horas |
HOSPITAL LUCUS AUGUSTI DE LUGO | Luns e venres das 15.00 ás 22.00 horas Martes, mércores e xoves das 08.00 ás 15.00 horas |
HOSPITAL UNIVERSITARIO DE OURENSE | Luns e venres das 15:00 ás 22:00 horas Martes, mércores e xoves das 8:00 ás 15:00 horas |
HOSPITAL PROVINCIAL DE PONTEVEDRA | Luns e venres de 08.00 ás 15.00 horas Martes, mércores e xoves das 15:00 ás 22:00 horas |
HOSPITAL NICOLÁS PEÑA DE VIGO | Luns a venres das 8.00 ás 22.00 horas Sábados das 8.00 ás15.00 horas |
Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.
ADOS Lembra que, aínda que se pode acudir de forma espontánea, é recomendable solicitar cita no teléfono arriba citado.