O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde do municipio ourensán, Ricardo González, visitaron hoxe os dous servizos

A Xunta comproba o resultado das obras de mellora realizadas no centro de día e na escola infantil públicos de Toén

As actuacións financiadas ascenden no seu conxunto a case 18.000 euros

No centro para persoas maiores pintáronse diferentes zonas interiores, substituíronse as pantallas de iluminación por LED e colocáronse vinilos en todas as cristaleiras

Na escola infantil colocouse pavimento de caucho continuo no patio exterior de xogos, abríronse novas ventás de vidro nas zonas de berce e mellorouse a seguridade do inmoble

O Concello encargouse da execución dos traballos, que financia o Consorcio mediante a compensación das liquidacións que corresponde aboar á Administración local por estes dous servizos públicos

Toén (Ourense), 8 de abril de 2022

A Xunta financiou obras de mellora no centro de día e na escola infantil públicos de Toén que suman no seu conxunto case 18.000 euros. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado do alcalde do municipio ourensán, Ricardo González, comprobaron hoxe o resultado destes traballos, que garanten o bo estado de conservación e mantemento destes dous inmobles.

As melloras feitas no centro de día consistiron no pintado interior das zonas de despacho, comedor, vestiarios e enfermería do inmoble; na substitución de medio centenar de pantallas de iluminación por terminais LED e na colocación de vinilos en todas as cristaleiras do centro para reducir a temperatura ambiente.

O Consorcio financia o 100% das actuacións que se levaron a cabo neste servizo de atención diúrna aos maiores, que na actualidade conta con 27 persoas usuarias. O Concello foi o encargado de executar as obras, financiadas a través da compensación das liquidacións que ten que abonar a Administración local ao ente autonómico por esta prestación.

Atención aos máis pequenos

Perfecto Rodríguez e o alcalde toenés tamén visitaron as intervencións realizadas na escola infantil. Neste centro actuouse no patio exterior de xogos, no que se instalou un novo pavimento de caucho continuo. Ademais, abríronse dúas ventás de vidro de seguridade para dotar de visibilidade ás zonas de berces; protexéronse as columnas e esquinas; instaláronse tres detectores de fume e un valado de madeira cunha porta de paso.

Estas obras foron programadas de acordo coa comunidade educativa e contaron coa supervisión técnica do Consorcio e do Concello. Ao igual que no caso do centro de día, o ente autonómico financia o 100% das melloras nesta escola mediante a compensación das liquidacións que corresponden abonar á Administración local por este servizo público, que conta con 26 nenas e nenos de 0 a 3 anos matriculados.

Imaxes relacionadas