A Xunta ofrece 600 prazas para coñecer Cíes e Ons esta Semana Santa a través de 40 rutas guiadas e gratuítas

As persoas interesadas poderán anotarse en liña na central de reservas do Parque Nacional ou ben o mesmo día da súa visita nas casetas de información das illas

Ata o momento xa se confirmaron preto de 3.300 autorizacións para viaxar aos arquipélagos entre o 9 e o 17 de abril, coincidindo co período de transporte regular

As xornadas nas que se prevé unha maior afluencia de persoas a este espazo natural serán o Venres Santo e o sábado 16 de abril, con 852 e 574 reservas respectivamente
 

Vigo, 8 de abril de 2022

A Xunta ofrece durante esta Semana Santa un total de 600 prazas para coñecer as illas Cíes e Ons a través de 40 rutas guiadas e de carácter gratuíto. Para participar, as persoas interesadas poden reservar a súa praza en liña a través da central de reservas do Parque Nacional ou agardar ao propio día da súa visita para facelo de forma presencial nas casetas de información instaladas nas illas.

Estas visitas, dirixidas por guías profesionais do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, pretenden contribuír a dar a coñecer entre os visitantes o patrimonio natural e ambiental de ambos arquipélagos así como aspectos destacados da súa historia. Todas as rutas están pensadas para grupos reducidos para garantir unha experiencia de calidade e o máis personalizada posible, á vez que se preserva a contorna.

A primeira das visitas programadas durante a Semana Santa está prevista nas illas Cíes para mañá, 9 de abril, e a actividade prolongarase ata o día 17 abril, cando se ofrecerán as últimas rutas guiadas en ambos arquipélagos.

En concreto, as persoas que opten por inscribirse a través da central de reservas poderán escoller entre un total de 17 rutas —8 en Ons e as outras 9 en Cíes— nas que poderán inscribirse en total 80 persoas e organizadas baixo os seguintes lemas: Ons: unha illa de 2 caras; Ons: un poco no mar; Cíes: illa de paisaxes; e Cíes: unha viaxe no tempo. As outras 23 rutas resérvanse para os viaxeiros que se anoten nas propias casetas de información.

18 anos de rutas e máis de 50.000 participantes

Cómpre lembrar que o Parque Nacional das Illas Atlánticas vén ofrecendo de forma case ininterrompida este tipo de itinerarios guiados e de balde por Cíes e Ons coincidindo cos períodos nos que se ofrece o servizo de transporte regular en barco a ambos arquipélagos. Ata o momento, xa participaron nesta iniciativa da Xunta máis de 50.000 persoas.

De forma complementaria, en todas as illas, incluídas Sálvora e Cortegada, existen itinerarios sinalizados pensados para visitantes que queiran practicar sendeirismo neste espazo natural. Cada unha destas rutas está marcada cunha cor e tanto nas propias illas como na web do parque hai dispoñibles folletos explicativos cos percorridos. Adicionalmente, no caso de Ons pódese facer a ruta sur de forma autoguiada a través do folleto Os nomes da illa, e outras dúas temáticas: Arqueoloxía en Ons e a Ruta do lagarto.

Por outra banda, cómpre subliñar que o Goberno galego xa concedeu ata o momento preto de 3.300 autorizacións para visitar o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia durante esta Semana Santa, un trámite gratuíto pero imprescindible para poder acceder ao espazo natural nos vindeiros días.

Tal e como se recolle no Plan reitor de uso e xestión do parque, este é un dos períodos do ano, xunto cos meses de verán, no que se permite o transporte regular en barco aos arquipélagos de Cíes e de Ons, previa autorización por parte da Xunta.

Así, a través da plataforma dixital habilitada desde o ano 2018 pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, todas as persoas interesadas en achegarse ás illas entre mañá, sábado, e o vindeiro domingo 17 de abril aínda están a tempo de solicitar a correspondente autorización, de carácter persoal e intransferible e dotada de códigos QR.

En todo caso, para poder acceder ao Parque Nacional esta Semana Santa é imprescindible tamén adquirir un billete de barco con calquera das navieiras autorizadas a operar o servizo de transporte regular ás illas. Será nese momento, unha vez comprado o billete, cando a autorización de acceso outorgada pola Xunta quede confirmada e se lle remitirá por email ao solicitante, que poderá descargala se o prefire desde a propia páxina web.

Cíes concentra a maioría dos permisos

Á vista das reservas tramitadas ata o momento, o interese dos visitantes concéntrase sobre todo nas illas Cíes, xa que 3.027 das autorizacións confirmadas entre o 9 e o 17 de abril —2.912 para visitas con ida e volta no mesmo día e algo máis dun cento para pasar polo menos unha noite no cámping— son para visitar este arquipélago.

En canto a Ons, a día de hoxe tramitáronse para viaxar a esta illa en Semana Santa  ao redor de 300 permisos —64 deles para campistas e veciños e o resto para visitantes do cupo xeral—.

As xornadas nas que se prevé unha maior afluencia a ambos arquipélagos, o Venres Santo e o sábado 16 de abril son os días para os que, polo de agora, hai máis autorizacións confirmadas, con 700 reservas no primeiro caso e preto de 500 no segundo.

 

Imaxes relacionadas