Martina Aneiros enxalza o labor da Fundación Secretariado Gitano en Ferrol en prol da consecución da igualdade de oportunidades deste colectivo

A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou hoxe a sede que a entidade ten na cidade onde puido coñecer as súas liñas de traballo, servizos e programas en marcha

A Consellería de Política Social colabora coa asociación no financiamento dos seus programas principais, ‘Promociona’ e ‘Acceder’, aos que o ano pasado destinou un orzamento de 176.000 euros

Mañá celébrase o Día do Pobo Xitano co obxectivo de visibilizar a diversidade cultural e rachar cos estereotipos que sofre esta comunidade

Ferrol, 7 de abril de 2022

A delegada da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe a sede da Fundación Secretariado Gitano en Ferrol acompañada da súa coordinadora, Silvia Gil Couto, para coñecer algunhas das actividades e programas que teñen en marcha en prol da integración e igualdade social.

Aneiros recoñeceu o labor desta organización que iniciou en Ferrol a súa andadura en 2017 pero que leva 40 anos de actividade en España e 21 en Galicia, na construción dunha sociedade mellor na que “non existan discriminacións de ningún tipo e na que todas as persoas poidan gozar das mesmas oportunidades”. Tamén puxo en valor a importante tarefa de concienciación social que realiza esta entidade, xa que insta ao resto da poboación “a reflexionar, a coñecer antes de xulgar e a tender a man antes de segregar”.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, colabora coa Fundación Secretariado Gitano no financiamento dos seus dous programas principais: ‘Promociona’, que ten por obxecto reducir o abandono escolar e potenciar os estudios superiores; e ‘Acceder’, para favorecer a inserción laboral. Ambos recibiron o pasado ano un investimento conxunto de 176.000 euros.

Aneiros reiterou que o Goberno galego continuará co seu apoio aos diferentes programas e servizos que a Fundación Secretariado Gitano leva a cabo, non só no centro ferrolano, senón tamén nas sedes das restantes seis grandes cidades galegas. “Aínda que nos últimos anos este colectivo avanzou en importantes campos como o da escolarización e a incorporación de mozos e mozas á universidade, a poboación xitana segue a experimentar desvantaxes sociais, por elo a Xunta de Galicia traballa para eliminar estas barreiras e conseguir unha sociedade igualitaria e inclusiva”, indicou.

A delegada territorial lembrou que mañá se celebra o Día Internacional do Pobo Xitano, unha efeméride á que a Xunta de Galicia se suma como exemplo da valoración da diversidade co obxectivo de acadar unha igualdade de oportunidades efectiva de todas as persoas e rachar cos estereotipos que sofre este colectivo.

Imaxes relacionadas