A Xunta alleará 23 lotes de madeira de máis de 21.000 toneladas por 427.000 euros nunha próxima poxa pública electrónica que se celebrará na Coruña

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se fai pública a convocatoria desta poxa telemática, que ten previsto celebrarse o 25 de maio na xefatura territorial da Consellería do Medio Rural

Cómpre destacar que 15 lotes contan con certificación forestal sostible PEFC e 1 máis con dobre certificación PEFC e FSC, os dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2022

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, adxudicará 23 lotes de madeira por 427.000 euros na próxima poxa pública electrónica de madeira, que se celebrará o 25 de maio na xefatura territorial da Consellería na Coruña. Así se recolle na resolución que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG), pola que se fai pública a convocatoria mediante procedemento aberto con criterio único (prezo) para este alleamento de madeira.
A práctica totalidade dos lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común con convenios ou consorcios de xestión forestal coa Consellería do Medio Rural. En total, os lotes suman máis 21.000 toneladas de madeira de piñeiro do país, piñeiro insigne e eucalipto branco, xunto con cantidades menores doutras especies. Isto tradúcese nunha absorción de CO² de máis de 15.000 toneladas que foron retiradas da atmosfera durante a vida destas árbores, que agora serán substituídas por novos pés que continuarán absorbendo este gas de efecto invernadoiro.
A maiores, cómpre resaltar que 15 lotes contan con certificación forestal sostible PEFC e un máis con dobre certificación PEFC e FSC, cumprindo así cando menos os requisitos dun dos dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial. Ademais, as empresas que opten aos lotes certificados deben dispor tamén dun certificado de cadea de custodia, que permite garantir a trazabilidade da madeira. Cabe engadir que a certificación forestal sustentable garante -ao máximo nivel- que a xestión dos bosques dos que provén esta madeira é respectuosa co medio ambiente, ao mesmo tempo que cumpren outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais.
Cabe lembrar que -como no caso das poxa electrónicas de madeira celebradas anteriormente- os licitadores realizarán todos os trámites de xeito telemático, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Así mesmo, tanto as empresas participantes na poxa como todo aquel que o desexe poderá seguir o proceso a través dunha sala virtual creada ao efecto.
O procedemento en liña é posible grazas á plataforma desenvolvida entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Ademais, permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato pdf os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas.
A maiores, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado ao efecto. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse no seguinte enderezo: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/forestal/poxas.

Compromiso da Xunta

Con estas poxas electrónicas, a Xunta amosa o seu compromiso para seguir traballando cos axentes do sector forestal na construción de ferramentas dixitais que faciliten a súa actividade económica. Así mesmo, a iniciativa enmárcase nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía.
Nese contexto, preséntase como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado- seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor” (“Building back
Enlace á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220407/AnuncioG0426-210322-0002_gl.html

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural