A Xunta de Galicia abre o prazo de suxestións para o decreto que reducirá á metade os tempos de tramitación da dependencia

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o texto completo, ao que se poderán presentar achegas a partir de mañá e ata o 2 de maio

Santiago de Compostela, 7 de abril 2022

A Xunta de Galicia abre o prazo de suxestións do proxecto de decreto polo que se regulan o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, que reducirá á metade os tempos de tramitación. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Consellería de Política Social pola que se acorda someter a información pública o referido proxecto normativo para o seu coñecemento e a presentación das proposicións e recomendacións que se consideren oportunas.

Así, a partir de mañá poderá consultarse o texto íntegro, que persegue simplificar, abreviar e ordenar o procedemento de recoñecemento de dependencia, no Portal de Transparencia do Goberno galego, onde permanecerá ata o vindeiro 2 de maio para que tanto os particulares como as entidades interesadas poidan realizar as súas achegas.

O novo Decreto de Dependencia introducirá dúas novidades fundamentais para conseguir o seu obxectivo de reducir os tempos de tramitación. Por unha banda, a cantidade de documentos que deben presentar as persoas interesadas en obter o recoñecemento de dependencia, que pasarán dunha ducia a dous: o informe médico e o informe social.

En segundo lugar, o texto busca unificar nun só procedemento os dous que se requiren agora para obter un recurso de dependencia: o de solicitude de recoñecemento de grao e o Programa Individual de Atención (PIA). Así, a partir da aprobación deste Decreto a asignación de recurso se fará a través dun único procedemento. Neste sentido, redefinirase o concepto de PIA para facelo máis completo e duradeiro. Deste xeito, o programa levará aparellada unha prestación económica pública e incluirá alternativas ao servizo preferido no caso de que a primeira opción do solicitante non conte con prazas dispoñibles nese momento.

Plan de choque

A tramitación do Decreto de Dependencia forma parte do Plan de Choque aprobado pola Xunta de Galicia en maio de 2021, e que inclúe outras medidas para axilizar e facilitar o traballo dos profesionais públicos que valoran a dependencia, como crear novos centros de valoración; equipos de valoradores itinerantes; optimizar as rutas que seguen os valoradores a domicilio; mellorar o modelo de xestión de citas; e poñer en marcha novos equipos de valoración.

Actualmente Galicia inviste nas persoas dependentes un total de 400 millóns de euros, dos que o 76% proceden das arcas autonómicas e un 24% do Estado, malia que a Ley de Dependencia fixa o cofinanciamento entre o Goberno central e o autonómico no 50%. Aínda así, a Comunidade é a segunda con mellor ratio de atención do conxunto de España, cun 95% de persoas con dependencia que reciben algunha prestación ou servizo. Isto quere dicir que, das 69.000 persoas que teñen dereito a unha prestación por dependencia en Galicia, 65.000 están sendo atendidas.

Imaxes relacionadas