A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo presidiu a reunión deste organismo

A Comisión Superior de Urbanismo avala a ampliación do complexo administrativo de San Caetano

O proxecto da 1ª fase da Cidade de San Caetano, tramitado mediante a Lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, elevarase agora ao Consello da Xunta para a súa aprobación definitive

A actuación consiste en desenvolver nos terreos da antiga estación de autobuses de Santiago un novo espazo administrativo dotado con zonas verdes, que achegará valor engadido e atractivo a esta zona

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2022

A Comisión Superior de Urbanismo avalou hoxe o proxecto de ampliación do complexo administrativo de San Caetano, que prevé a construción dun novo edificio nos terreos da vella estación de autobuses de Santiago de Compostela.

Esta iniciativa estase a tramitar ao abeiro da Lei 3/2016, de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese.

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, presidiu a reunión da Comisión Superior de Urbanismo e sinalou que esta iniciativa autonómica conta cos informes favorables correspondentes, solicitados pola Dirección Xeral a comezos deste ano, tanto a departamentos da Xunta como da administración estatal.

Co visto e prace deste organismo, garántese a viabilidade urbanística da actuación pretendida. Agora, o proxecto da 1ª fase da Cidade de San Caetano será elevado ao Consello da Xunta para a súa aprobación definitiva.

A Cidade de San Caetano consiste en desenvolver no espazo da vella estación de autobuses de Santiago, un novo complexo e espazos verdes que achegarán valor engadido e atractivo a esta zona da capital de Galicia.
Permitirá crear un novo espazo de traballo moderno e eficiente, adaptado ás necesidades actuais da Administración autonómica, aforrando custos e evitando o pagamento de alugueres.

Nunha 1ª fase das obras construiranse os dous primeiros módulos do edificio, preto de 10.000 m² para oficinas que permitirán albergar arredor de 650 postos de traballo.

Está previsto licitar esta primeira fase das obras nesta primavera cun investimento de máis de 20 M€.

Imaxes relacionadas