O director do Instituto de Estudos do Territorio presentou en Curtis a nova convocatoria deste recoñecemento local

A Xunta convida aos concellos a solicitar o distintivo Bandeira Verde de Galicia para poñer en valor o seu traballo a prol do coidado da paisaxe

Enrique de Salvador recorda que as actuacións para a xestión responsable dos residuos, o impulso da eficiencia enerxética ou a loita fronte ao cambio climático son accións computables para a obtención deste recoñecemento

O prazo para presentar as candidaturas permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de maio e ten como vantaxe o feito de que constituirá un mérito aos efectos da obtención de subvencións en materia de patrimonio natural

Curtis (A Coruña), 5 de abril de 2022

A Xunta convida a todos os concellos a solicitar o distintivo Bandeira Verde de Galicia para poñer en valor o seu traballo e implicación dos veciños a prol do coidado da paisaxe e do patrimonio natural, dous dos elementos máis representativos da Comunidade galega.

A Xunta convoca hoxe por terceiro ano a concesión destes distintivos e abre o prazo para a presentación das candidaturas, co obxectivo de recoñecer o traballo daquelas entidades locais que destaquen polas súas boas prácticas ambientais de conservación e protección da paisaxe, no marco da aposta do Goberno galego polo fermosismo.

O director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique de Salvador, visitou esta mañá o concello de Curtis, onde presentou a convocatoria que publica o Diario Oficial de Galicia. A partir de mañá, e ata o vindeiro 30 de maio, a totalidade de concellos galegos poderán tamén acreditar as actuacións realizadas no seu termo municipal sobre a xestión responsable dos residuos, o impulso da eficiencia enerxética ou a loita fronte ao cambio climático para obter este distintivo.

De Salvador salientou que a concesión da Bandeira Verde terá como vantaxe o feito de que constituirá un mérito aos efectos da obtención de subvencións en materia de patrimonio natural e recordou que nas dúas anteriores edicións foron galardoados Porto do Son e Moaña, en ambas convocatorias, así como Alfoz, Mondoñedo, Curtis, Parada de Sil, Outeiro de Rei, Ordes e Sober na de 2021.

A modo de exemplo, acompañado do alcalde de Curtis, Javier Caínzos, mencionou o traballo impulsado desde este concello para acadar este distintivo, como a aprobación dunha estratexia para a sustentabilidade, un plan de actuación contra os incendios forestais e campañas para implantar a compostaxe doméstica, fomentar a reciclaxe e a reutilización dos residuos.

O director do IET tamén citou o traballo a prol da ordenación territorial e protección do medio ambiente e da paisaxe realizado por Porto do Son e Moaña, “grazas ao cal xa recibiron o galardón en dúas ocasións”, así como o de Outeiro de Rei, que abordou un plan de mobilidade urbana sustentable ou a execución de sendas peonís entre núcleos.

A modo de exemplo tamén citou un proxecto impulsado por Sober, como o proxecto de rehabilitación bioclimática dunha aldea para vivendas públicas, que puntuou á candidatura do pasado ano, e que tiña por finalidade potenciar o uso de fontes de enerxía máis limpas e que reducen as emisións de gases efecto invernadoiro.

O director animou aos responsables dos concellos galegos a seguir estes exemplos e participar deste recoñecemento, e augurou que moitos “seguro que abordaron máis iniciativas das que creen”, como por exemplo a elaboración do Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (Paces), que cada entidade local debe abordar no momento no que se adhire ao Pacto das alcaldías polo clima.

Por último, De Salvador engadiu que esta distinción pretende ser unha correa de transmisión entre o traballo que fan as administracións locais e a implicación da cidadanía no coidado e na protección da contorna natural e paisaxística, amosando o seu compromiso no coidado dos elementos máis representativos.

Imaxes relacionadas