A Xunta reitera a súa chamada ás deputacións galegas para que se impliquen na prevención de incendios forestais como xa fai a de Ourense

José González sinalou que por parte da Consellería se lle pediu repetidamente colaboración ás catro deputacións e que só respondeu a esta demanda a de Ourense e preguntou ao grupo socialista se vai pedir aos entes provinciais nos que goberna que se impliquen neste traballo

Reafirmou a aposta da Xunta por reformular as brigadas municipais antiincendios impulsando a súa profesionalización e o incremento do seu tempo de traballo, cun mecanismo de selección uniforme a nivel autonómico e cun tempo de contratación mínimo de seis meses

Puxo como exemplo de colaboración interadministrativa o convenio de xestión de biomasa preto das vivendas, co que xa se xestionou máis do 66% da superficie das franxas de protección de 115 concellos
 

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, reiterou hoxe no Parlamento o seu chamamento ás deputacións galegas para que se impliquen no financiamento das tarefas de prevención de incendios forestais. Advertiu de novo, en resposta a unha pregunta no pleno da Cámara, que a única entidade provincial que respondeu a esta chamada nos dous últimos anos foi a de Ourense.

Así, o conselleiro afirmou que dende o ano 2017 a Xunta financiou o traballo de 91 tractores para a realización deste tipo de tarefas e que só no 2021 apoiou a incorporación de 31 tractores. Nestes casos, explicou González, pediuse por parte da Consellería do Medio Rural ás catro deputacións galegas a súa cooperación para o financiamento destes labores mediante repetidas comunicacións tanto por carta como por correo electrónico e mesmo publicamente. Porén, segundo indicou o conselleiro, só respondeu a estas peticións a entidade provincial ourensá, que financiou o 50% do custo do despregue dos tractores nos dous últimos anos.

Nesta liña, o conselleiro sinalou que, consonte ás recomendacións dos expertos, o impulso a estas tarefas preventivas “require necesariamente da implicación financeira das deputacións provinciais”, pero lamentou que a cooperación e a comunicación con algunhas destas entidades provinciais “ata o de agora tivo un carácter fundamentalmente unilateral” e reclamou que todas as administracións con competencias neste ámbito teñan a vontade de colaborar. Neste sentido, José González preguntou ao grupo socialista se vai pedir ás deputacións nas que goberna que se impliquen neste traballo.

Na súa intervención, o conselleiro trasladou a aposta da Xunta por “reformular” as brigadas municipais integradas no seu dispositivo, e explicou que o Goberno galego impulsa un dispositivo autonómico que se ten que complementar cunhas novas cuadrillas municipais, algo que se contemplará na futura Lei de loita integral contra os incendios forestais e que responde tamén ás recomendacións dos expertos. Así, segundo González, estes equipos terán como obxectivo a vixilancia e a prevención xunto co apoio ao dispositivo autonómico en cuestións de loxística e de colaboración na liquidación de lumes estabilizados e controlados, así como na extinción de incendios de baixa intensidade. Engadiu que serán unhas brigadas municipais profesionalizadas, cun mecanismo de selección uniforme a nivel autonómico e cun tempo de contratación mínimo de seis meses.

Convenios cos concellos

En relación cos convenios cos concellos, o conselleiro aclarou que contemplan actuacións como a mobilización de motobombas, a realización de tratamentos preventivos mecanizados e a conformación das propias brigadas. Sinalou ademais que durante o ano 2021 foron asinados acordos con 261 entidades locais, por importe de máis de 10,5 millóns de euros. En todo caso, o conselleiro matizou que o sistema galego de loita integral contra os incendios forestais debe basearse nunha estrutura profesionalizada, que ten que contar con base territorial, integrada baixo o mando único da Xunta. De feito, engadiu, o propio grupo de expertos de apoio á comisión do Parlamento de Galicia sobre Incendios Forestais de xullo de 2019 incidía en que a estrutura principal do dispositivo de incendios debe estar composta por persoal propio da Consellería do Medio Rural, coa formación e preparación adecuada en todo momento.

Ademais, José González insistiu en que a Xunta fai prevención todo o ano e de xeito transversal, a través das súas diferentes liñas estratéxicas de traballo. Así, remarcou que se fai prevención a través da Lei de recuperación da terra agraria, por medio do plan de implantación de pastos de Galicia ou nas directrices do Plan Forestal de Galicia.

En relación coa cooperación entre administracións, o conselleiro puxo como exemplo o convenio asinado pola Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Seaga para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa preto das vivendas. Lembrou, neste sentido, que ao abeiro deste acordo xa se completou a comprobación da práctica totalidade das faixas secundarias (próximas a núcleos habitados) de 115 concellos galegos, inspeccionando preto de 60.000 hectáreas.

González engadiu que se levan xeradas arredor de 70.000 notificacións e publicacións en diarios oficiais para advertir os propietarios sobre as súas obrigas en relación coa limpeza destes predios. A maiores, o titular de Medio Rural salientou que grazas a este convenio xa se entregaron por parte da Consellería un total de 242 plans municipais antiincendios a outros tantos concellos e que deles xa están aprobados 164.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural