A Xunta aposta pola mediación como alternativa á resolución de conflitos xudiciais no ámbito empresarial

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, participou hoxe na clausura da xornada “A mediación: outra forma de resolver conflitos e potenciar a competitividade e a productividade das empresas”, organizada pola Cámara de Comercio da Coruña e o Centro Español de Mediación

Lembrou que a Xunta colabora en protocolos en mediación civil e mercantil co Consello Galego de Cámaras de Comercio e o Consello Xeral do Poder Xudicial
 

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2022

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, destacou a aposta da Xunta por consolidar a mediación como alternativa á resolución de conflitos xudiciais no ámbito empresarial nas xurisdicións Civil e do Mercantil.
Así o destacou na súa intervención na clausura da xornada A mediación: outra forma de resolver conflitos e potenciar a competitividade e a productividade das empresas, organizada pola Cámara de Comercio da Coruña e o Centro Español de Mediación. No acto tamén participaron o exministro de Xustiza e presidente do Centro Español de Mediación, Rafael Catalá, e o presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Couceiro.
Juan José Martín lembrou que a Xunta colabora desde 2013 co Consello Galego de Cámaras de Comercio e o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) en protocolos en materia de mediación e civil e mercantil co obxectivo de fomentar esta modalidade como vía de resolución de conflitos no eido empresarial que correspondan a estas dúas xurisdicións. Nesta liña, engadiu que as cámaras de comercio da comunidade contan con centros de mediación para facilitar o acceso a esta alternativa a empresas e autónomos.
A Xunta vén tamén de renovar a colaboración co Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) para manter o acordo que desde 2015 permite impulsar a mediación e outras formas pacíficas de resolución de conflitos como opción alternativa e complementaria ao proceso xudicial.
No marco deste convenio renovouse tamén o acordo co Consello Galego dos Procuradores e dos Tribunais para apoiar os servizos de mediación xudicial en materia civil e mercantil por parte de persoal cualificado dos colexios de procuradores da comunidade. Do mesmo xeito, mantense a colaboración cos colexios de avogados, a través do Consello da Avogacía Galega, co obxectivo de desenvolver programas de mediación familiar e no ámbito penal.
O director xeral de Xustiza incidiu en que Goberno galego aposta desde 2009 por facilitar á cidadanía solucións idóneas na resolución de controversias á marxe da vía xudicial por tratarse dunha opción “menos traumática, máis áxil e máis económica para as partes porque ao contar intervención dos propios interesados permite asumir e interiorizar mellor a solución, ao mesmo tempo que se consegue unha redución da carga de traballo na Administración de Xustiza”.
Puxo como exemplo avance na mediación familiar intraxudicial que se se estendeu xa a todas as cidades galegas da man das universidades, os colexios de avogados, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, o Ministerio Fiscal e o CXPX.
A maiores, desde 2016 permanece vixente un programa experimental de mediación no ámbito penal posto en marcha pola Xunta co Centro Integral de Análise e Resolución de Conflitos da Universidade de Santiago, o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Ministerio Fiscal e o Colexio de Avogados de Santiago.
Por parte da Xunta, o compromiso coa mediación materializouse en varias experiencias impulsadas desde 2009 para garantir espazos para a resolución de conflitos por esta vía, xunto cun importante investimento de 2,3 millóns de euros desde 2013.