O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal participou nunhas videoxornadas promovidas pola delegación de estudantes deste centro da Universidade de Vigo

A Xunta pon en valor ante os alumnos da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra os obxectivos do Plan Forestal 2021-2040 e da Estratexia de Dixitalización e Descarbonización

José Luis Chan agradeceu a oportunidade brindada para compartir cos “futuros profesionais técnicos do sector forestal” as principais liñas que a Consellería do Medio Rural está a desenvolver en materia de montes

Referiuse a iniciativas como o Inventario forestal continuo que será posible grazas ao “esforzo conxunto” das universidades de Vigo e Santiago en colaboración co Goberno galego e do que, segundo dixo, se coñecerán os primeiros datos proximamente

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2022

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participou esta mañá nunhas videoxornadas dirixidas ao alumnado da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, pertencente á Universidade de Vigo. A finalidade era dar a coñecer as principais novidades que en materia de montes está a levar a cabo a Consellería do Medio Rural, nomeadamente os obxectivos contidos na revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 e na Estratexia de Dixitalización e Descarbonización que se está a desenvolver coa Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia.

A intervención do director xeral enmarcouse na Semana Forestal 2022, un ciclo de conferencias, talleres e mesas de debate que a delegación de estudantes desenvolve ata mañá coa colaboración da propia Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra. Nas xornadas, José Luis Chan afirmou que a revisión do Plan Forestal foi concibida como un plan director estratéxico que configura e artella a política forestal galega para dar resposta aos principais retos do monte e do sector. Así mesmo, esta revisión asume -segundo apuntou- os compromisos, demandas e tendencias emerxentes e, en particular, en materia de biodiversidade, cambio climático, desenvolvemento socioeconómico sustentable do medio rural, xeración de emprego e economía verde baixa en carbono, sen prexuízo da prestación de servizos ecosistémicos e sociais que proporcionan os montes en Galicia.

Precisamente no marco do Plan Forestal 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, o director xeral referiuse ao Inventario forestal continuo, cuxos primeiros resultados -segundo dixo- se comezarán a publicar proximamente supoñendo “un antes e un despois para o sector forestal de Galicia”. Todo, engadiu, grazas ao “esforzo conxunto e ao coñecemento científico das escolas forestais da Universidade de Vigo e da Universidade de Santiago de Compostela”, en colaboración co Goberno galego.

A continuación, o xefe do Servizo de Xestión Forestal, Odón López, presentou a Estratexia de Dixitalización e Descarbonización (D&D), que inclúe proxectos dixitais interrelacionados como as poxas de madeira electrónicas, as solicitudes telemáticas de corta e o seu control mediante sensores remotos (satélites), a ferramenta de trazabilidade da madeira mediante teconoloxía blockchain ou a plataforma de estatística forestal da Xunta, que contén máis de 200 indicadores que describen o monte de Galicia en tempo real.

Finalmente, as intervencións por parte da Consellería do Medio Rural remataron cun relatorio específico sobre a ordenación de montes en Galicia, en particular sobre os diferentes instrumentos de ordenación e xestión forestal que existen, a cargo do subdirector xeral de Recursos Forestais, Xosé Alberte Piñeiro, e do xefe do Servizo de Xestión Forestal. Asemade, afondouse sobre a plataforma creada pola Xunta para a presentación electrónica dos ditos instrumentos.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural