A Xunta favorece a mellora da protección do espazo dunar da praia de Area de Secada, na Illa de Arousa, co Fondo de Compensación Ambiental

O delegado territorial, Luis López, acompañado polo alcalde, Carlos Iglesias, supervisou esta actuación, centrada no valado e regulación de accesos en madeira desta contorna, para axilizar a súa rexeneración e crecemento cunha achega de 30.000€ desta orde da Xunta

A Vicepresidencia primeira vai destinar á convocatoria deste ano do FCA un orzamento de 11,3 M€ orientado a accións de protección ambiental e eficiencia de servizos municipais no marco das accións de colaboración cos municipios galegos

“A cooperación cos concellos é clave na acción de goberno da Xunta e, no caso do Fondo de Compensación Ambiental, ten unha gran importancia para fomentar actuacións de sostibilidade como a desenvolvida en Area de Secada, un lugar a protexer polo seu gran valor natural e que ademais ostenta unha das dúas bandeiras azuis da Illa de Arousa”, sinalou o representante autonómico

A Illa de Arousa, 5 de abril de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, vén de favorecer e reforzar a protección do espazo dunar da praia de Area de Secada, no Concello da Illa de Arousa, cunha achega de 30.000 euros ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental (FCA).

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou esta mañá, acompañado polo alcalde da Illa, Carlos Iglesias, esta actuación, centrada principalmente no valado e regulación de accesos en madeira desta contorna para favorecer a súa rexeneración e crecemento ao tratarse dun espazo de gran valor natural.

O proxecto no espazo dunar da praia de Area de Secada impulsouse por parte do Concello da Illa de Arousa pola presión humana e o uso incorrecto desta zona nos últimos tempos, o que motivou unha solución baseada na delimitación das dunas cun valado de madeira para impedir o paso, a focalización das baixadas peonís cara o areal con ramplas de madeira e a reordenación dos puntos de paso coa inhabilitación dun deles.

Esta obra dá continuidade ás accións de protección do litoral realizadas na Illa de Arousa coas achegas do FCA, xa que no ano anterior acometeuse a protección do bordo da zona do Furado. En concreto, o Concello beneficiouse nos últimos anos de axudas por 539.000 euros dos distintos programas da Dirección Xeral de Administración Local.

“A cooperación cos concellos é clave na acción de goberno da Xunta e, no caso do Fondo de Compensación Ambiental, ten unha gran importancia para fomentar actuacións de sostibilidade como a desenvolvida en Area de Secada, un lugar a protexer polo seu gran valor natural e que ademais ostenta unha das dúas bandeiras azuis da Illa de Arousa xunto coa praia do Bao”, sinalou o representante autonómico, que agarda que esta actuación xa dea os seus primeiros froitos a partires da inminente Semana Santa, que soe atraer a moitos turistas cara este municipio, e especialmente, a este coñecido areal.

Así mesmo, o delegado territorial tamén informou de que a Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo vai destinar este ano, ao abeiro das dúas liñas de axudas do FCA, un orzamento de 11,3 millóns de euros para investimentos de protección medioambiental e eficiencia dos servizos municipais no marco do programa de colaboración cos concellos.

Entre as actuacións que se poden acoller a estas subvencións, figuran campañas divulgativas de carácter ambiental, accións de eficiencia enerxética en alumeado público ou dependencias municipais, adquisición de equipamentos eficientes e vehículos eco ou de cero emisións e actuacións que corrixan deterioros ambientais ou impulsen melloras de integración paisaxística.

Imaxes relacionadas