A Xunta licita o equipamento da nova escola infantil da Guarda, que entrará en servizo o vindeiro curso

Destínanse case 88.000 euros para dotar ao centro de mobiliario, material didáctico, cociña e electrodomésticos; así como do sistema de rego, pavimento, valado e proteccións exteriores

As empresas teñen de prazo ata o vindeiro dia 21 de abril para presentar as súas ofertas

As familias, que poden presentar a súa solicitude de praza ata o día 8 de abril incluído, non terán que pagar nada pola atención educativa dos seus fillos, posto que o curso 2022-2023 será o primeiro en que esta será 100% gratuíta para todos os nenos

A Guarda (Pontevedra), 5 de abril de 2022

A Xunta licitou hoxe o equipamento da nova escola infantil da Guarda por case 88.000 euros co obxectivo de que abra as súas portas o vindeiro mes de setembro coincidindo co inicio do curso 2022-2023 e coas obras do centro están xa rematadas. As empresas interesadas teñen de prazo ata as 14 horas do vindeiro 21 de abril para presentar as súas ofertas.

Coa publicación deste procedemento, que se pode consultar na Plataforma de Contratos de Galicia, o Executivo autonómico dá un novo paso para a entrada en servizo desta nova escola infantil tras realizar un investimento de 845.000 euros. Desta contía a Consellería de Política Social, a través do Consorcio, sufragou máis do 60% a través de fondos Feder, e o Concello guardés achegou o resto.

Os 88.000 euros de orzamento para o equipamento da escola están cofinanciados polo Feder no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Ademais de dotala do mobiliario e do material didáctico necesario para o desenvolvemento do servizo, o contrato inclúe o subministro de cociña e electrodomésticos; así como o rego; o pavimento e o valado exterior; as proteccións e a rotulación. O prazo de execución do contrato será de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa sinatura.

Aberto o prazo de matrícula gratuíta


A escola conta con 41 prazas de 0 a 3 anos repartidas en tres unidades. Nestes momentos, e ata o vindeiro día 8 de abril, incluído, está aberto o prazo de solicitude de matrícula. As familias non terán que pagar nada pola atención educativa dos seus fillos, pois o vindeiro curso será o primeiro en que esta será 100% de balde para todas as nenas e nenos.

Ademais, as nais e pais non terán que facer ningún trámite adicional para beneficiarse da gratuidade, unha medida que a Xunta xa está aplicando aos segundos fillos e sucesivos desde abril de 2020.

Requisitos

Toda a información sobre os trámites a seguir para solicitar praza, os requisitos e documentación necesaria e os formularios correspondentes están dispoñibles tanto no Diario Oficial de Galicia (DOG) como nas páxinas web da Consellería de Política Social e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

As solicitudes deberán presentarse preferente por vía electrónica, aínda que as familias interesadas na escola infantil da Garda poden realizar os trámites de solicitude de praza na escola infantil do Rosal, con enderezo na rúa Pías, s/n, 36770; e con número de teléfono 986 62 51 21. O inicio do curso nas escolas infantís da Xunta dará comezo o día 5 de setembro.

Edificio rehabilitado para novos usos

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o alcalde da Garda, Antonio Lomba, visitaron o pasado 15 de marzo esta escola, que é un novo edificio de dúas plantas que substitúe a dous inmobles en desuso da década dos anos 60 do século pasado, os cales albergaban as vivendas para o profesorado e o comedor do antigo colexio Manuel Rodríguez Sinde.

Na planta baixa emprázase a zona para deixar as cadeiras dos bebés; o despacho de dirección; as aulas; un espazo de usos múltiples; as áreas de hixiene (incluído un aseo adaptado); as zonas de descanso; a cociña e o patio de xogos. A planta primeira contén os usos auxiliares da escola: a sala de xuntas; oficina; vestiarios e almacén.

A construción e posta en funcionamento desta nova escola é froito do convenio de colaboración asinado en xuño de 2020 entre a Consellería de Política Social, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, e o Concello da Guarda.

Imaxes relacionadas