Arias destaca o valor que achega a IXP Terras do Navia ao territorio e á produción vitivinícola

O delegado territorial da Xunta en Lugo salienta a aposta polo autóctono de adegas como Sidrón, en Negueira de Muñiz, que pon en valor a calidade dos viños producidos na zona

Negueira de Muñiz (Lugo), 4 de abril de 2022

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe durante unha visita á adega Sidrón, en Negueira de Muñiz, a importancia que ten a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Terras do Navia para dinamizar o territorio e para poñer en valor a produción vitivinícola, “amparada por unha marca de calidade que recoñece a singularidade do produto e o bo facer dos viticultores e adegueiros”, afirmou.

Arias lembrou que a Consellería do Medio Rural xa emitiu a súa decisión favorable en relación coa nova IXP, que neste momento está en tramitación na Unión Europea. Subliñou que contar cun selo de calidade abre novas oportunidades para a zona, “como estímulo para o emprendemento e para recuperar viñedos e fincas improdutivas”.

Nese sentido, o delegado salientou o exemplo de casa Sidrón, unha adega cunha longa tradición familiar cuxos propietarios decidiron no ano 2013 dar o salto á profesionalización para poñer en valor a calidade das diferentes variedades de viño producidos na zona de Negueira de Muñiz. Apostan polas vides autóctonas e elaboran cinco tipos de caldos cunha produción dunhas 6.000 botellas.

Remarcou tamén o apoio da Xunta ao sector, con programas formativos como o ofertado hai uns poucos meses sobre introdución á vitivinicultura na IXP Terras do Navia, co fin de formar ás persoas interesadas neste eido que manteñen unha relación co territorio e asentar unhas bases que posibiliten a expansión do terreo cultivado.

Así mesmo, subliñou que as adegas poden acollerse a liñas de axudas da Consellería do Medio Rural como as de elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas; promoción en terceiros países e reconversión de viñedos. Esta última ten aberto neste momento o prazo de solicitudes da convocatoria de 2022, que conta cun orzamento de 3 M€ ata 2024.

Características da IXP

A IXP Terras do Navia amparará os viños tintos e brancos producidos en seis parroquias do concello da Fonsagrada -Cereixido, Lamas de Moreira, Monteseiro, San Martiño de Suarna, Vilabol de Suarna e Vilar da Cuiña-; noutras seis de Navia de Suarna -A Pobra de Navia, Barcia, Castañedo, Muñís, Mosteiro e A Ribeira- e na totalidade do municipio de Negueira de Muñiz.

O rexistro desta indicación xeográfica protexida baséase tanto nas características específicas do produto, claramente vinculadas ao medio natural de produción, como á reputación que ten acadado, basicamente no mercado galego e asturiano.

Trátase de viños que reflicten os efectos das condicións termopluviométricas e agronómicas para unha vitivinicultura de calidade, ao que debe sumarse o factor humano que se concreta na implantación das viñas en zonas de boa exposición, con solos quentes, permeables e con baixo nivel de materia orgánica, así como na elección de variedades adaptadas ao medio.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural