A directora xeral de Patrimonio Natural presidiu esta mañá o Comité galego de caza

A Xunta alega contra a intención do Goberno central de obrigar por lei a esterilizar aos cans de caza

Belén do Campo aproveitou a reunión cos principais axentes implicados no sector para trasladarlles as achegas realizadas por Galicia ao anteproxecto de Lei estatal de protección, dereitos e benestar dos animais en relación á actividade cinexética

Durante a xuntanza, acordouse que o período hábil xeral da tempada de caza 2022-2023 se estenda do 16 de outubro deste ano ao 6 de xaneiro do próximo exercicio

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2022

A Xunta de Galicia acaba de presentar alegacións contra a intención do Goberno central de introducir por norma a obriga de esterilizar aos cans que se dediquen a desenvolver actividades cinexéticas, unha das novidades incorporadas no anteproxecto de Lei de protección, dereitos e benestar dos animais, actualmente en tramitación.

Este foi un dos asuntos que se abordaron hoxe durante o Comité galego de caza, no que a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, expuxo as principais alegacións feitas ao texto normativo en relación a aspectos de interese para o sector.

Neste sentido, a responsable autonómica explicou que segundo o artigo 42.3 do anteproxecto, aqueles cans que desenvolvan e sirvan de apoio durante a actividade cinexética deberán ser esterilizados en todo caso xa que no exercicio das súas funcións estarán en contacto con exemplares de distinto sexo e non será posible mantelos separados entre si. Esta obriga, como indicou, supón un prexuízo para os seus donos, polo que a Xunta solicita ao Goberno central que introduza “unha excepción” na futura norma, tal e como si prevé no caso dos cans de pastoreo e manexo do gando.

Aproveitando que no Comité galego de caza están representadas as principais asociacións de cazadores e outros grupos ligados ao sector, así como as organizacións relacionadas coa conservación da natureza, Do Campo indicou que no marco do trámite de audiencia da lei estatal a Xunta tamén fixo constar o seu desacordo con que se esixa unha licenza de caza para poder ser titular dun can destinado a este tipo de actividades.

De feito, argumentou que este requisito choca coa propia Lei de caza de Galicia, que “no exercicio das competencias exclusivas” que ten asumidas a Xunta na materia, sinala que existen cometidos dentro das accións cinexéticas que non implican necesariamente a posesión dunha licenza, como é o caso dos observadores, auxiliares ou acompañantes.

Establecemento períodos hábiles por especies

Noutra orde de asuntos, durante a reunión analizáronse tamén as propostas do sector a ter en conta respecto das épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais para cada especie de cara á tempada 2022-2023.

Así, o período hábil xeral abranguerá do 16 de outubro deste ano ata o 6 de xaneiro de 2023, e as xornadas durante as que se permitirá o exercicio da caza serán os xoves, os domingos e os festivos de carácter estatal ou autonómico.

Para as distintas especies de caza menor, no caso da arcea e agacha, o período xeral irá tamén do 16 de outubro ao 6 de xaneiro do ano que vén —aínda que poderá ampliarse ata o 12 de febreiro en terreos de réxime cinexético especial (RCE) que o soliciten— os xoves, domingos e festivos. Para a lebre, a tempada estenderase do 16 de outubro ao 27 de novembro de 2022, os xoves, domingos e festivos en terreos de RCE.

Caza maior: corzo e xabaril

No relativo ás especies de caza maior, os machos adultos de corzo poderán capturarse en terreos en réxime cinexético común entre o 20 de agosto e o 15 de outubro, os sábados en batida/montaría, e todos os días da semana na modalidade de axexo.

As femias adultas de corzo permanecen vedadas con carácter xeral, permitíndose a súa caza puntual por danos e tamén nos tecores se está tecnicamente xustificada de acordo coa situación real da poboación en cada tecor, podendo escollerse entre dous períodos (do 03/09/2022 ao 15/10/2022 ou do 07/01/2023 ao 18/02/2023).

Polo que respecta ao xabaril, no réxime cinexético común o período xeral de caza abranguerá do 20 ao 31 de agosto e do 7 de xaneiro ao 26 de febreiro de 2023, os xoves, sábados, domingos e festivos; e do 1 de setembro de 2022 ao 5 de xaneiro do vindeiro ano os sábados, nas modalidade de batida, montaría e espera. Así mesmo, no réxime cinexético especial a tempada irá do 20 de agosto ao 26 de febreiro de 2023, os xoves, sábados, domingos e festivos nas modalidades de batida, montaría e espera.

Todas as suxestións tratadas no Comité galego caza, en todo caso, serán avaliadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural para a súa incorporación, se procede, na resolución anual pola que se regulará o exercicio da actividade na tempada 2022-2023.

Imaxes relacionadas