A Xunta mantén aberto ata o día 8 de abril a solicitude de matrícula nas escolas infantís da rede pública autonómica

O vindeiro curso será o primeiro no que a atención educativa será 100% gratuíta para todos os nenos, o que fai de Galicia a primeira Comunidade Autónoma cunha educación infantil universal

O Goberno galego destina este ano máis de 30 millóns de euros a esta medida pioneira, da que se poderán beneficiar máis de 30.000 familias da comunidade

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2022

A Xunta de Galicia mantén aberto ata o vindeiro día 8 de abril (incluído) o prazo de solicitude de matrícula nas escolas infantís públicas autonómicas. As nais e pais poderán formalizar a solicitude ao longo de toda esta semana nalgunha das máis de 10.000 prazas dos centros que forman parte da rede autonómica.

Ademais, as familias non terán que pagar nada pola atención educativa dos seus fillos no vindeiro curso, que será o primeiro no que esta será 100% gratuíta para todas as nenas e nenos de 0 a 3 anos, o que fai de Galicia a primeira Comunidade Autónoma cunha educación infantil universal. Ademais, non será necesario facer ningún trámite adicional para beneficiarse da gratuidade, unha medida que xa se vén aplicando aos segundos fillos e sucesivos desde abril de 2020.

O Goberno galego destina este ano máis de 30 millóns de euros para que máis de 30.000 familias se vexan beneficiadas desta medida pioneira. Grazas a ela, as nais e pais poderán aforrar uns 1.900 euros ao ano que poderán destinar a outros gastos.

Toda a información sobre os trámites a seguir para solicitar praza, os requisitos e documentación necesaria e os formularios correspondentes están dispoñibles tanto no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado 16 de marzo como na páxina web da Consellería de Política Social.

Imaxes relacionadas