A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo representou esta semana a Galicia nas xornadas ‘Autonomía, costas e litoral’ organizadas polo Goberno balear

A Xunta empraza ao Goberno central a clarificar o seu criterio á hora de autorizar os cambios de uso das construcións tradicionais do litoral

Encarnación Rivas lamenta a “incomprensible diferenciación” que fai o Estado ao permitir reconverter antigos faros en hoteis mentres nega esta opción ás edificacións situadas en servidume de protección, polo que insta a aplicar “a mesma vara de medir” en toda a costa

Palma de Mallorca (Illas Baleares), 3 de abril de 2022

A Xunta de Galicia empraza ao Goberno central a clarificar e definir un único criterio con relación aos cambios de usos das construcións tradicionais na franxa costeira xa que, por unha banda, trata de impedir normativamente esta posibilidade a través da modificación do Regulamento xeral de costas que está a tramitar e, por outra, autoriza e mesmo promove a implantación de usos hoteleiros en espazos portuarios como os faros.

Así o expuxo a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, quen interveu esta semana representando a Galicia nas xornadas organizadas polo Goberno balear Autonomía, costas e litoral, un encontro durante o que técnicos e responsables das áreas de urbanismo de varias comunidades reflexionaron sobre o exercicio das competencias autonómicas en materia de costas e a necesidade de abordar cambios substanciais na normativa básica estatal vixente de cara a solucionar os problemas que, na práctica, derivan da súa aplicación.

Neste sentido e amodo de exemplo considerou “incomprensible a diferenciación” que se está a producir na práctica e que permite a implantación de usos hoteleiros en infraestruturas localizadas en espazos portuarios, como os faros, sen que esa posibilidade excepcional se faga extensible a outro tipo de edificacións existentes ao longo do litoral.

A regulación dos espazos portuarios, segundo explicou, é competencia do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que permite a transformación de faros que perderon a súa vella funcionalidade, facilitando e mesmo promovendo a implantación nos mesmos de usos hoteleiros e hostaleiros para darlles unha nova vida. En Galicia, de feito, citou varios exemplos recentes, como os dos faros de Illa Pancha, Fisterra ou Lariño.

Pola contra, na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-costeiro, competencia do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miterd), calquera posibilidade de implantar este tipo de usos —sobre todo de residencial a hoteleiro— nas construcións tradicionais da franxa costeira é rexeitada rotundamente polo departamento estatal, un criterio que, segundo dixo, xa está aplicando na práctica e que pretende introducir e consolidar agora como norma a través do Real Decreto de modificación do Regulamento de costas.

Tras subliñar a contradición que supón que a mesma Administración estatal faga esa discriminación legal, a responsable galega defendeu que o que reclama a Xunta é que se aplique “a mesma vara de medir” no caso da regulamentación por parte do Miterd, xa que considerou que a normativa de costas debe ser “coherente” coa liña marcada pola lexislación urbanística galega a través da Lei do solo e do seu regulamento.

Recuperar o patrimonio construído

Nesta liña, reiterou a “urxente necesidade” de posibilitar a recuperación e posta en valor do patrimonio construído no litoral galego ao longo do tempo, pola enorme incidencia e valor que ten nunha Comunidade na que, lembrou, a ocupación tradicional do litoral nunca desvirtuou a protección do dominio público marítimo terrestre, senón que o potenciou.

Ao respecto, Encarnación Rivas expuxo que a petición da Xunta se basea en posibilitar a autorización de usos hoteleiros, hostaleiros, recreativos ou equipamentos tanto públicos como privados en construcións tradicionais preexistentes á Lei de Costas que, pola súa natureza, non podían ter outra localización que o dominio público marítimo-terrestre —cetarias, salgaduras, conserveiras, pazos, fortificacións, mosteiros, etc.—, pero que hoxe en día xa non son económica ou socialmente sustentables.

Coa reconversión de parte destas edificacións a actividades potenciadoras do medio natural e compatibles co mesmo, sinalou, búscase un triplo obxectivo: recuperar o patrimonio construído; aproveitar e poñer en valor construcións que contribuíron notoriamente a conformar o acervo cultural e a paisaxe característica do litoral galego; e evitar novas ocupacións da servidume de protección, protexendo a paisaxe costeira.

Por último e con relación ás competencias autonómicas en materia de costas, Encarnación Rivas referiuse tamén ás reiteradas solicitudes formuladas desde a Xunta ao Estado neste sentido, co obxectivo de poder establecer unha xestión integral do litoral galego, permitindo así a integración e o desenvolvemento uniforme da ordenación territorial e urbanística que ten encomendada xa Galicia.

 

Imaxes relacionadas