A Xunta instrúe a alumnos da Escola Politécnica Superior de Enxeñería sobre as posibilidades que ofrece a tecnoloxía na loita contra o lume

En concreto, técnicos do Servizo de prevención e defensa contra incendios levaron a cabo unha demostración das capacidades da unidade técnica de apoio, que se desprega nalgúns lumes

Dita unidade conta cun furgón adaptado e con tecnoloxías como antena parabólica, dron ou programas informáticos de xestión de medios, para a dirección e coordinación dos traballos de extinción
 

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2022

Varios técnicos do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais da Consellería do Medio Rural levaron a cabo unha demostración das capacidades da Unidade Técnica de Apoio (UTA) en montes do concello lugués de Begonte. Así, o persoal da Xunta instruíu a alumnos da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo das posibilidades que ofrece a tecnoloxía na loita contra os lumes.
Os técnicos do Servizo antiincendios explicaron a utilización desta unidade, que funciona como unha oficina móbil nalgúns incendios, pola superficie que afectan, pola peculiaridade dos propios lumes ou porque existe risco para as persoas ou bens, entre outras cuestións. En concreto, sinalaron que esta unidade contribúe á dirección e coordinación dos traballos de extinción, ademais de apoiar e asesorar ao director técnico de extinción do lume na toma de decisións e operacións.
Así, a UTA está formada por dous vehículos e por persoal técnico que se desprega como apoio loxístico e técnico á extinción dos incendios, a cal inclúe un furgón adaptado equipado con tecnoloxías como antena parabólica, dron, ordenadores, impresoras de varios tamaños e formatos, emisoras de comunicación e equipo meteorolóxico
Durante a demostración práctica desta oficina móbil, os técnicos tamén abordaron as funcionalidades dos programas informáticos de xestión de medios incorporados a esta unidade, así como o sistema de información xeográfica e simuladores de meteoroloxía e recepción de imaxes.

Aplicacións informáticas

No tocante á mellora tecnolóxica vinculada aos medios empregados polo Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais, cabe destacar a implantación do acceso ao persoal que intervén no incendio a toda a información operativa do lume, en tempo real. Isto significa coñecer o punto de inicio e evolución, os recursos asignados, os puntos de auga próximos, a cartografía, os datos meteorolóxicos, as descargas dos medios aéreos etc. Estas melloras tecnolóxicas permiten reforzar aos traballadores deste servizo autonómico e mellorar as condicións laborais, salvagardando a súa integridade ante a aparición dun lume.
Doutra banda, consolidouse a rede de vixilancia nos montes con cámaras de última xeración, dispoñendo de ata 142 cámaras en toda Galicia, localizadas en 71 puntos estratéxicos, con especial atención ás Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) e ás zonas de Alto Risco de Incendios, cubrindo desta forma preto do 70% do territorio galego.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural