As familias interesadas en solicitar praza na nova escola infantil pública da Guarda teñen de prazo ata o vindeiro día 8 de abril

Toda a información sobre os trámites a seguir, requisitos, documentación necesaria e os formularios están dispoñibles tanto no Diario Oficial de Galicia (DOG) como nas páxinas web da Consellería de Política Social e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

A Guarda (Pontevedra), 2 de abril de 2022

A Xunta de Galicia mantén aberto ata o vindeiro día 8 de abril (incluído) o prazo de solicitude de matrícula na nova escola infantil pública da Guarda de cara ao vindeiro curso 2022-2023, o primeiro en que este centro estará en actividade tras un investimento de máis de 845.000 euros na súa construción e equipamento, que se completará nos vindeiras semanas.

As familias non terán que pagar nada pola atención educativa dos seus fillos, posto que o vindeiro curso será o primeiro no que esta será 100% gratuíta para todos os nenos, o que fai de Galicia a primeira Comunidade Autónoma cunha educación infantil universal. As nais e pais non terán que facer ningún trámite adicional para beneficiarse da gratuidade, unha medida que xa se vén aplicando aos segundos fillos e sucesivos desde abril de 2020.

Toda a información sobre os trámites a seguir para solicitar praza, os requisitos e documentación necesaria e os formularios correspondentes están dispoñibles tanto no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado 16 de marzo como nas páxinas web da Consellería de Política Social e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Trámites centro do Rosal


As solicitudes deberán presentarse preferente por vía electrónica, aínda que as familias interesadas na escola infantil da Garda poden realizar os trámites de solicitude de praza na escola infantil do Rosal, con enderezo na rúa Pías, s/n, 36770; e con número de teléfono 986 62 51 21. O inicio do curso nas escolas infantís da Xunta dará comezo o día 5 de setembro.

O novo centro da Guarda ofrece ás familias un total de 41 prazas de 0 a 3 anos repartidas en tres aulas. Dos 845.000 euros investidos nas obras e no equipamento desta infraestrutura, a Xunta financiou o 60% a través dos fondos Feder e o Concello achegou o resto.

Edificio rehabilitado para novos usos


A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o alcalde da Garda, Antonio Lomba, visitaron o pasado 15 de marzo esta nova escola, que é un novo edificio de dúas plantas que substitúe a dous inmobles en desuso da década dos anos 60 do século pasado, os cales albergaban as vivendas para o profesorado e o comedor do antigo colexio Manuel Rodríguez Sinde.

Na planta baixa emprázase a zona para deixar as cadeiras dos bebés; o despacho de dirección; as aulas; un espazo de usos múltiples; as áreas de hixiene (incluído un aseo adaptado); as zonas de descanso; a cociña e o patio de xogos. A planta primeira contén os usos auxiliares da escola: a sala de xuntas; oficina; vestiarios e almacén.

A construción e posta en funcionamento desta nova escola é froito do convenio de colaboración asinado en xuño de 2020 entre a Consellería de Política Social, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, e o Concello da Guarda.

Imaxes relacionadas