Política Social pon en valor os avances acadados en Galicia na atención e integración das persoas con autismo

O Goberno galego achega á discapacidade 141,7 millóns de euros, cifra récord da historia da Comunidade

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2022

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou hoxe no acto oficial da Federación Autismo Galicia polo Día Mundial do Autismo, que se celebrou no museo da Cidade da Cultura e que ten como lema “Unha feliz viaxe pola vida”. Alí puxo en valor os avances acadados en Galicia tanto na atención como na integración das persoas con Trastorno de Espectro Autista (TEA).

Jacobo Rey salientou o compromiso que ten a Xunta de Galicia coa atención á discapacidade e, máis en particular, coas persoas con autismo. Neste sentido, sinalou que o Goberno galego destina este ano unha cifra récord á discapacidade, isto é, 141,7 millóns de euros, cos que, por exemplo, se poñerá en marcha un novo centro de día para persoas con autismo no Monte do Gozo, que contará con 28 prazas públicas.

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica destacou e agradeceu o traballo que realiza a diario a Federación Autismo Galicia, con preto de 30 anos de existencia, na mellora da calidade de vida das persoas con TEA e tamén das súas familias desde o primeiro momento.

Nesta liña, subliñou a importancia de manter a colaboración entre administracións e entidades sociais para, por un lado, garantir un acompañamento ás persoas con autismo para conseguir mellorar a súa autonomía e, por outro, impulsar a concienciación na sociedade para favorecer a súa integración.