O Hospital Público Gran Montecelo, en Pontevedra, disporá de 27 ascensores e 4 escaleiras mecánicas cunha capacidade para desprazar 16.000 persoas á hora

Instalaranse 18 ascensores con capacidade para 1.150 kg e outros 9 con capacidade para para 1.600 kg

Tamén se disporán 2 conxuntos de escaleiras mecánicas, un desde o andar baixo ao primeiro e outro cara ao segundo

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2022

O Hospital Público Gran Montecelo, en Pontevedra, disporá de 27 ascensores e 4 escaleiras mecánicas cunha capacidade para desprazar 16.000 persoas á hora.

Instalaranse 18 ascensores cunha capacidade de carga de 1.150 kg e outros 9 con capacidade para 1.600 kg.

Na zona de maior tránsito, distribuidor central e accesos ás consultas externas, irán integrados dous conxuntos de escaleiras mecánicas, un desde a planta baixa á primeira e outro desde a primeira á segunda.

Trátase de equipos de última xeración que supoñen unha solución técnica e fomentan a sustentabilidade nun edificio hospitalario de referencia.

Este equipamento incorpora desde conectividade remota, que mellora a eficiencia do servizo de mantemento, ata máquinas sen redutor, para optimizar os percorridos.

Ademais, estas solucións de transporte vertical de última xeración que se instalarán no hospital teñen alta eficiencia enerxética que logran, coa incorporación dun variador de frecuencia rexenerativo, que a enerxía se devolva á rede eléctrica para o seu uso posterior.

Hospital Público Gran Montecelo

A Xunta segue avanzando nas obras do Hospital Público Gran Montecelo, cuxa primeira fase conta cunha achega autonómica de máis de 130 millóns de euros. No seu conxunto, o Goberno galego investirá 155 millóns de euros para dotar Pontevedra e os veciños da área dun hospital renovado e de referencia.

As obras en execución consisten na construción dun novo edificio hospitalario cunha superficie de preto de 92.000 metros cadrados distribuídos en 10 andares.

As instalacións constan dun edificio dianteiro, no que se situarán as consultas externas para os servizos de hematoloxía, medicina preventiva, cardioloxía ou dixestivo; e outro traseiro para as urxencias, o bloque cirúrxico, a UCI pediátrica ou os laboratorios. Sobre esa zona de basamento elevarase un terceiro bloque que se corresponde co edificio de hospitalización.

O Goberno galego, a través deste proxecto, aposta por mellorar a atención hospitalaria, que actualmente se presta en tres centros afastados: o Centro de Especialidades de Mollavao, o Hospital Provincial e o Hospital Montecelo.

Imaxes relacionadas