Amplíanse as xornadas de portas abertas a Cidade da Xustiza que xa visitaron 2.500 vigueses e viguesas

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destaca o éxito desta iniciativa e o interese da cidadanía en coñecer a obra xudicial mais importante de Galicia

Vigo, 1 de abril de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou a ampliación das xornadas de portas abertas que desde o pasado mes de xullo permitiron a 2.500 vigueses e viguesas visitar a Cidade da Xustiza. Apuntou así que se manteñen as visitas guiadas ante o grande interese dos cidadáns por coñecer esta infraestrutura xudicial, a “máis importante da historia da Comunidade e a mellor do noroeste peninsular”, dixo.

Deste modo, as visitas guiadas manteranse todos os mércores en tres quendas diarias (16,30, 17,30 e 18,30 horas) previa solicitude de cita no teléfono 986817797.

En canto a evolución das obras, sinalou que a intención é ter en breve rematada a adaptación do edificio ás necesidades do complexo xudicial ao que se vai destinar o antigo complexo hospitalario vigués.
A nova infraestrutura, que acollerá 38 unidades xudiciais, trátase da obra xudicial máis importante da historia da comunidade na que a Xunta investiu máis de 42M€ e coa que está a piques de culminar o Plan de Infraestruturas Xudiciais, dotado con máis de 125M€.
Unha vez rematadas as obras, a Cidade da Xustiza unificará nun só edificio os órganos xudiciais da cidade, ao acoller nos seus 44.000 metros cadrados 38 unidades xudiciais xunto coa Fiscalía de Área, as 2 seccións da Audiencia Provincial e a subdirección do Instituto de Medicina Legal (Imelga), e a maiores existen espazos dispoñibles para futuros crecementos do partido xudicial de Vigo.

En total, trasladaranse máis de 500 traballadores da Administración de Xustiza, que terán á súa disposición unha escola infantil de 41 prazas para facilitar a súa conciliación laboral e familiar