A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse co alcalde para falar deste proxecto e doutros asuntos de interese municipal

A Xunta estudará colaborar co concello de San Cristovo de Cea para humanizar varias rúas do municipio

Con esta actuación o Goberno local quere darlle continuidade ás obras xa executadas no núcleo de Cea na busca de dotar de uniformidade a todo o conxunto, cunha pavimentación axeitada ao uso peonil e tráfico lixeiro, principalmente no casco antigo

 

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2022

A Xunta de Galicia estudará a posibilidade de colaborar co Concello de San Cristovo de Cea na execución dun proxecto urbanístico para mellorar o estado actual de varias rúas do núcleo urbano.

Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao rexedor ourensán, José Luis Valladares, con quen mantivo unha reunión para falar de diversos asuntos de interese municipal.

Segundo consta no proxecto achegado polo alcalde, as actuacións de mellora divídense en cinco zonas do casco antigo do núcleo de Cea nas que se intervirá co fin de crear unha pavimentación axeitada para uso peonil e tráfico lixeiro. O obxectivo é darlle continuidade á actuación de humanización finalizada neste mesmo núcleo en maio do ano pasado, co fin de complementala e dotar de uniformidade a todo o conxunto.

Tal e como explicou o alcalde, trátase dunha obra imprescindible para os veciños xa que esta zona concentra parte dos principais equipamentos e servizos municipais pero debido á tradicional actividade gandeira asociada ao núcleo de Cea, os acabados e características das súas rúas e prazas son acordes aos antigos usos o que fai necesario mellorar estes espazos de uso común como punto de encontro e esparexemento.

Pola súa parte, a conselleira comprometeuse a que a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo analizará a memoria remitida polo Goberno local co fin de valorar a súa posible implicación técnica e económica no proxecto.

Ao respecto, lembrou que desde hai 12 anos a Xunta mantén aberta a través do plan Hurbe unha liña de apoio económico ás entidades locais co fin de contribuír á mellora dos equipamentos municipais e dos servizos públicos á disposición da veciñanza, así como á humanización e posta en valor das contornas urbanas.

 

Imaxes relacionadas