A Xunta licita por máis de 70.000 euros a eliminación da especie invasora ‘Fallopia japonica’ nas Gándaras de Budiño no concello do Porriño

Esta planta, orixinaria do Xapón e da China, introduciuse como un uso ornamental e está a afectar os bosques aluviais de ameneiros e freixos

As empresas interesadas en presentar a súa oferta a este traballo dispoñen ata o vindeiro o 13 de abril

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2022

A Xunta licitou por 73.724 euros o contrato de servizo para a eliminación da Fallopia japonica, unha especie exótica invasora, nas Gándaras de Budiño, no concello do Porriño.

Esta especie vexetal, que ten a súa orixe no Xapón e na China, introduciuse en Galicia como una planta de uso ornamental. Na actualidade está a afectar á conservación dos hábitats que se localizan nesta zona de especial conservación (ZEC) do concello pontevedrés e a súa área de influencia; principalmente aos bosques aluviais de ameneiros (Alnus glutinosa) e freixos (Fraxinus excelsor: Alno-Padion, Alnion incanea e Salicion albae).

O obxecto deste servizo, licitado a través da Plataforma de contratos públicos da Xunta, é eliminar os focos e puntos desta especie de flora exótica invasora que son a orixe da propagación cara ao espazo protexido, que será repoboado con vexetación autóctona.

Os traballos, que teñen un prazo máximo de execución de 19 meses, consistirán na roza manual e tratamento fitosanitario para eliminar os pés da especie invasora. As empresas interesadas en presentar as súas ofertas dispoñen ata o 13 de abril.

Cómpre lembrar que estas actuacións enmárcanse nos obxectivos que se establecen na proposta técnica do plan estratéxico para a xestión de especies exóticas invasoras en Galicia, que fixa como prioritaria a súa erradicación con dous eixos de actuación: a erradicación temperá de focos de invasión de especies de alto risco de recente naturalización, como é o caso da Fallopia japonica; e a protección local dos sitios prioritarios para a conservación de especies autóctonas —principalmente a Rede Natura 2000— fronte as exóticas con alto risco de impacto, neste caso a ZEC das Gándaras de Budiño.

Imaxes relacionadas