O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, respondeu esta mañá a unha pregunta sobre este tema na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego

A Xunta sinala como piares da nova Lei de Inclusión Social a inserción sociolaboral, a redución da burocracia e a reordenación das axudas

Defende que non se puido avanzar no deseño da normativa pola demora na tramitación da lei reguladora do IMV

Agarda que a norma autonómica estea rematada a finais deste ano 2022 unha vez se transfira a xestión do IMV a Galicia, tal e como se comprometeu o ministro de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2022

A Xunta sinalou como piares da nova Lei de Inclusión Social de Galicia a inserción sociolaboral dos seus perceptores, a redución da burocracia no acceso a prestacións e a reordenación das axudas para adaptalas á nova realidade xerada pola creación do Ingreso Mínimo Vital (IMV). Así o trasladou o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, esta mañá durante a resposta a unha pregunta sobre esta cuestión na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego.

O director xeral defendeu que esta modificación normativa non se puido levar a cabo de forma efectiva pola demora no proceso de tramitación da lei reguladora do IMV, que non rematou ata o 21 de decembro do pasado ano, cando foi publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE). Desde a entrada en vigor desta prestación, no mes de xuño do ano 2020, este texto sufriu ata seis modificacións, o que provocou inseguridade sobre os puntos que debían ser obxecto de reforma a nivel autonómico.

Por outra banda, Arturo Parrado recalcou que o ministro de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones, José Luis Escrivá, confirmou nos últimos meses a súa disposición a transferir a Galicia a xestión do IMV, tal e como tiña solicitado a Xunta desde que se puxo en marcha esta prestación. Deste xeito, a nova Lei galega deberá ter en conta esta situación para ofrecerlle ao cidadán unha atención individualizada a través dun portal único que impida duplicidades. Así as cousas, agarda que a nova normativa estea rematada a finais deste ano 2022.

Contratación de persoal

Por outro lado, o director xeral defendeu que resulta moi necesario o incremento de persoal nos servizos sociais comunitarios. Esta cuestión, lembrou, recóllese na Axenda Social Única 2024 mediante o incremento de financiamento do Plan Concertado. Neste sentido, apuntou que durante o ano 2021 este compromiso xa se cumpriu ao destinar 12,2 millóns de euros, un 12% máis que o ano anterior, e contratar así 92 novos profesionais en 85 concellos de Galicia.

Así mesmo, o Goberno galego tamén está a axudar a reformar a contratación de profesionais a través da Orde de axudas a concellos para realizar programas de inclusión social. A última convocatoria contou con 6,2 millóns de euros, o que supón un incremento do 11% con respecto ao ano anterior, e facilitou a contratación de 80 persoas por parte das Administracións locais.

Garantir a Risga

Arturo Parrado defendeu que o Goberno galego garantiu e garante o financiamento necesario para atender a todas as persoas que precisen unha Risga. Apuntou que sempre se contou con amplitude orzamentaria para cubrir todas as solicitudes e lembrou que se trata dunha partida ampliable. Tras a posta en marcha do IMV, foi necesario manter este orzamento porque os atrancos no acceso á prestación estatal provocou que fosen poucas as persoas que transitasen ao IMV.

Así mesmo, a Xunta puxo en marcha novas medidas para dar resposta ás necesidades urxentes da poboación en situación de vulnerabilidade. Mostra disto é a creación da Tarxeta Básica, que contou cun orzamento de 12 millóns de euros no ano 2020 e de 23,8 no ano 2021. Isto demostra, afirmou, que non se recortou o presuposto na axuda á inclusión social, senón que, ao contrario, ampliouse.

Imaxes relacionadas