A Xunta e a FAXPG colaboran para fomentar a accesibilidade das persoas xordo-cegas ás actividades institucionais

A través deste convenio, porase a disposición do colectivo intérpretes para favorecer a súa participación e tamén se formará a persoal da Xunta en lingua de signos

A Coruña, 31 de marzo de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, asinou, esta mañá, con Iker Sertucha, presidente da FAXPG (Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia) un convenio de colaboración para fomentar a accesibilidade das persoas xordas ás actividades institucionais que se celebren este ano.
O convenio establece que ambas entidades colaborarán para facilitar os medios persoais necesarios -fundamentalmente intérpretes- co fin de garantir o acceso á información do colectivo ao que representa a FAXPG. Ademais, a Federación dará publicidade destes eventos a través da súa páxina web e ofrecerá accións formativas de linguaxe de signos española ao persoal da Vicepresidencia.
Vicepresidencia colabora desde hai anos coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, especialmente a través dos departamentos de Xustiza e Emerxencias.

Por unha parte, a Xunta colabora coa FAXPG, no servizo de intérpretes en lingua de signos e de guías-intérpretes destinado a persoas xordas e xordocegas no seu acceso á Administración de Xustiza.

Trátase dun novo servizo de atención permanente operativo tódolos días do ano que garanta que sempre haxa dispoñible un intérprete en lingua de signos para que, no prazo máximo de tres horas desde a solicitude, poida acompañar ás persoas con discapacidade auditiva e xordocegas que o requiran nas súas xestións ante os servizos xudiciais.

Ademais, en 2014 a AXEGA e a FAXPG asinaron un acordo para facilitar o acceso aos servizos de emerxencias das persoas con discapacidade auditiva e da fala. Desde aquela, este colectivo accede ao teléfono 112 en Igualdade de condicións, a través de mensaxes e chats de texto.

Tres décadas mellorando a vida das persoas xordas en Galicia


A FAXPG é unha entidade sen ánimo de lucro fundada en 1979 que ten como misión “xerar as condicións que, tomando como base a identidade xorda e a súa diversidade, aseguren o desenvolvemento global das persoas xordas e xordo cegas de Galicia en condicións de accesibilidade universal e igualdade de oportunidades”.

De forma específica, a FAXPG ten como un dos seus fins estatutarios “fomentar a accesibilidade universal das persoas xordas e xordo cegas en todos os contornos, públicos e privados, asegurando o pleno acceso á información e á comunicación”.

Neste senso, a FAXPG fomenta a autonomía e a independencia das persoas xordas e xordo cegas a través de actuacións orientadas á eliminación das barreiras de comunicación en todos os ámbitos e, de forma específica, nos contornos públicos e institucionais.

O principal instrumento para a eliminación das barreiras de comunicación no ámbito das relacións institucionais e a participación nos contornos e actividades derivadas de estas é o “Intérprete de lingua de signos española e guía intérprete de persoas xordo cegas”.

 

Imaxes relacionadas