O 60% das medidas incluídas no I Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes no Sergas xa están finalizadas ou en proceso de implantación

Así o sinalou no Parlamento de Galicia a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez

No día de hoxe aprobarase, na Comisión Central de Seguridade e Saúde, a nova instrución de medidas específicas de protección da maternidade, onde se conteñen os factores de risco de orixe laboral e as medidas de protección específicas para as mulleres embarazadas e durante a lactancia natural

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2022

A Consellería de Sanidade está a traballar na execución das 59 medidas de actuación incluídas no I Plan de Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no Sergas, das cales o 60% xa están finalizadas ou en proceso de implantación. Así o sinalou a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez, na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, en resposta a unha pregunta dun dos grupos da Cámara. En concreto, o 20% das medidas xa están implantadas completamente e máis do 40% atópanse en proceso de desenvolvemento. A directora considera, polo tanto, que a súa implantación estase a realizar dun xeito máis que satisfactorio, tendo en conta que está vixente ata o ano 2024.
É a nosa intención, -remarcou a directora-, “acadar a igualdade de xénero desexada, o que contribuirá a crear unha cultura organizativa baseada nos principios de solidariedade, igualdade e respecto, así como a mellorar o benestar do persoal, e en especial das mulleres que traballan na sanidade pública de Galicia”.
As 59 medidas do Plan se encadran en seis eixos; o acceso ao emprego público e provisión de prazas; as condicións de traballo e promoción profesional; a formación, información e sensibilización; o tempo de traballo, corresponsabilidade e medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral; atención a situacións de especial protección por violencia de xénero, acoso sexual e discriminación por razón de sexo; orientación ou identidade sexual; e o eixo no que se inclúen medidas de carácter transversal para integrar o principio de igualdade na organización.

Nova instrución de medidas específicas de protección da maternidade

Tal e como referiu a directora, o Plan ten unha comisión técnica na que participan as organizacións sindicais asinantes e representantes da administración, celebrando a útima reunión o 18 de febreiro na que se analizaron as medidas en execución acadadas e se trataron actuacións específicas a prol da muller embarazada que traballa no Sergas, cunha declaración expresa de dereitos a favor delas e 23 medidas a aplicar.
Ana Comesaña anunciou que, no día de hoxe, aprobarase, na Comisión Central de Seguridade e Saúde, a nova instrución de medidas específicas de protección da maternidade, onde se conteñen os factores de risco de orixe laboral e as medidas de protección específicas para as mulleres embarazadas e durante a lactancia natural.
Así mesmo, indicou que o venres pasado, na Mesa Sectorial de Sanidade, se teñen negociado unha serie de medidas de execución do Plan de Igualdade, dirixidas a mostrar o coidado e apoio da organización ás mulleres embarazadas, sendo 808 no ano pasado, o que representa un 4,3 % do emprego feminino na franxa de idade de 21 a 51 anos na nosa organización.
Para rematar a súa intervención, a directora xeral considera que o Sergas está a cumprir co pactado na execución deste I Plan de Igualdade, “e que todas elas son medidas necesarias na nosa sociedade e no Sergas para poder acadar a realidade desexada”.
Queremos que a implantación deste Plan, -remarcou Ana Comesaña-, “sexa un signo de modernidade no noso sistema de xestión de recursos humanos, que producirá efectos internos, que agardamos ver nestes anos, pero queremos que estes efectos internos contribúan ao avance cara a unha sociedade máis xusta, participativa, contando con todas e todos sexa cal sexa o seu xénero e condición”.

Imaxes relacionadas