A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participa hoxe no primeiro taller de coordinación transfronteiriza no marco do proxecto europeo Forvalue

A Xunta pon en valor as agrupacións forestais de xestión conxunta e os polígonos agroforestais impulsados pola Lei de recuperación para avanzar na anticipación aos incendios

No taller estanse a analizar os proxectos de xestión iniciados nas zonas piloto propostas polos concellos que colaboran na iniciativa (Carballeda de Avia, Arbo, As Neves, Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas), co gallo de extraer conclusións

Nesa liña, Inés Santé falou das bondades dos instrumentos recollidos na Lei de recuperación da terra para poñer en valor áreas infrautilizadas ou abandonadas xerando actividade económica que sirva -ao tempo- de devasa natural fronte ao lume

Tras o taller, a directora xeral desprazarase á aldea modelo de Muimenta, onde se vén de avanzar na implementación do primeiro espazo agrario de experimentación que se desenvolverá en Galicia
 

Carballeda de Avia (Ourense), 31 de marzo de 2022

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participa hoxe no primeiro taller interrexional de coordinación transfronteiriza que se organiza no marco do proxecto europeo Forvalue, centrado neste caso na implantación de fórmulas asociativas para a xestión da propiedade forestal. Alí, puxo xa en valor as bondades das agrupacións forestais de xestión conxunta ou dos polígonos agroforestais recollidos na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para mellorar a organización dos montes e avanzar na anticipación aos incendios.

Baixo a organización da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, o taller estase a centrar na análise dos traballos realizados ata o momento nas zonas piloto propostas polos concellos que colaboran na iniciativa, nomeadamente, os de Carballeda de Avia, Arbo, As Neves, Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas. Deste xeito, o obxectivo é avanzar na xestión de áreas infrautilizadas ou abandonadas xerando actividade económica que sirva -ao tempo- de devasa natural fronte aos lumes, empregando instrumentos como os incluídos na Lei de recuperación para combinar aproveitamentos gandeiros e cultivos como o da vide coa produción forestal.

Ademais da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e de representantes dos municipios implicados, no taller participan técnicos e responsables da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, incluída a investigadora do Centro de Investigación Forestal de Lourizán Cristina Fernández, como coordinadora do proxecto. Tamén a Universidade de Santiago de Compostela, para presentar o visor cartográfico cun Sistema de información forestal que se está xerando no marco do proxecto, así como unha aplicación para o impulso de novas iniciativas de xestión asociativa da propiedade forestal que busca poñer en contacto a propietarios e xestores forestais e pretende ser -precisamente- unha ferramenta de utilidade para a futura implantación de modelos de xestión conxunta nas áreas piloto. Está previsto que o mes que vén teña lugar un segundo taller interrexional de cooperación en Portugal, ao que asistirán, ademais dos socios do proxecto Forvalue, as autoridades locais e axentes interesados de Monçao.

Forvalue

Cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (Poctep) 2014-2020, o proxecto Forvalue constitúe un marco de colaboración transfronteiriza, co gallo de compartir experiencias e xerar ferramentas que favorezan a resiliencia do territorio fronte aos incendios.

Nesa dirección, búscase promover modelos de xestión innovadores que xeren actividade económica a partir da biomasa producida, fomentar a implantación de fórmulas asociativas para a xestión da propiedade forestal na área de cooperación e favorecer a coordinación transfronteiriza na planificación e xestión do espazo forestal en materia de valorización e resiliencia a través do uso de novas tecnoloxías.

Dende a Xunta, o proxecto Forvalue está coordinado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria a través do Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Nel participan como socios a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, o Instituto de Estudos do Territorio, a Universidade de Santiago de Compostela, a Asociación Forestal de Galicia, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Forestis - Associação Florestal de Portugal e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho. O proxecto conta ademais co apoio e colaboración das autoridades locais da área de cooperación: Carballeda de Avia, Arbo, As Neves, Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas, no caso de Galicia, e Monçao en Portugal.

Aldea modelo de Muimenta

Tras o taller, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural desprazarase á aldea modelo de Muimenta, en Carballeda de Avia, onde se vén de avanzar na implementación do primeiro espazo agrario de experimentación que se desenvolverá ao abeiro da Lei de recuperación da terra, probablemente para destinalo á horta ecolóxica.

Por outra banda, cabe lembrar que en breve se volverá convocar un novo procedemento de concorrencia competitiva para o resto dos terreos que abrangue esta aldea modelo, para seleccionar propostas de aproveitamento unha vez o consistorio tivo constancia de produtores interesados na súa explotación.

A aldea modelo de Muimenta conta cunha superficie de 29,14 hectáreas, distribuídas en 1.639 parcelas de 242 propietarios. No borrador de guía de ordenación produtiva publicado no Diario Oficial de Galicia, establecíanse como usos máis idóneos a gandaría en extensivo, así como o cultivo de viñas, producións hortícolas, oliveiras ou froiteiras, xa máis preto do núcleo rural.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural