Fernández-Tapias anuncia o inicio do proceso de selección de adxudicatarios para Subida ao Castelo 9

Trátase de dúas novas vivendas pareadas (tipo triplex), con entrada independente, nunha edificación en tres alturas na parte alta do barrio histórico vigués

A delegada da Xunta en Vigo e presidenta do CCVV puxo en valor a importancia de promover vivendas de promoción pública na cidade coa maior demanda de Galicia

Insiste en reclamarlle ao Concello que active os mecanismos expropiatorios necesarios para poder intervir en varias edificacións e facilitar a adquisición de solo

Vigo, 31 de marzo de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou hoxe da posta en marcha do proceso de selección de adxudicatarios para Subida ao Castelo 9, tal e como se acordou no seo do consello de administración celebrado esta mañá. Deste modo, o CCVV dirixirase ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para o inicio da tramitación.
Esta nova intervención do organismo, integrado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e un 10 por cento polo Concello de Vigo, desenvólvese nun solar de 72 metros cadrados de superficie, adquirido polo Consorcio en novembro de 2019. O orzamento base para a contratación das obras desta rehabilitación foi de 296.732,44 euros.
Trátase de dúas novas vivendas pareadas (tipo triplex), con entrada independente, nunha edificación en tres alturas na parte alta do barrio histórico vigués, con elementos destacables. Así, o proxecto arquitectónico chama a atención polas solucións exteriores e interiores expostas para lograr o máximo aproveitamento do volume dispoñible en función das condicións do solar e a súa contorna.
Un trazo característico do novo edificio é a pasarela de acceso ás entradas de ambas as dúas vivendas, necesaria para abordar a diferenza de cotas existentes por mor da pendente da rúa. A planta baixa da fachada ten como compoñente principal cachotería reutilizada mentres que nas plantas superiores predomina o acristalamento con carpintería de madeira a modo de lamas verticais.
En canto ao interior das vivendas, o mesmo vertebrarase ao redor da escaleira que une as tres plantas de cada unha delas (máis un pequeno altillo). Situadas no centro da vivenda, estas escaleiras establecen dous espazos diferenciados, un orientado cara á fachada principal e outro á fachada posterior. Na planta baixa, atópase o vestíbulo, o baño principal, espazo para o almacenamento xeral e o lavadoiro- tendedero, que se abre a un patio na parte posterior da parcela.
Na planta primeira, a través dun espazo distribuidor ao que se accede desde as escaleiras, organízase a cociña cara á fachada posterior e o salón cara á fachada principal. Dous espazos abertos, sen tabiques, separados visualmente pola escaleira. En canto ao segundo andar, localízase o dormitorio principal, con terraza; un segundo dormitorio e un baño cara á fachada posterior. No pequeno vestíbulo de entrada ao baño e ao segundo dormitorio localízase unha escaleira de acceso ao altillo.
Neste sentido, Fernández-Tapias destacou a intensa labor de rehabilitación desenvolvida polo Consorcio Casco Vello de Vigo desde a súa constitución. “Seguimos apostando por cumprir cos obxectivos marcados xa que, aínda que se avanzou moito na reconstrución do casco vello, queda moito por facer”, dixo, en clara referencia ao ambicioso plan de actuación dos vindeiros catro anos que contempla a compra de 25 novas edificacións.
Asemade, volveu a reclamarlle ao Concello que active os mecanismos expropiatorios necesarios para poder intervir en varias edificacións e facilitar a adquisición de solo ao Consorcio Casco Vello de Vigo. “Temos identificadas varias edificacións que solo podemos adquirir a través das ferramentas urbanísticas das que dispón o Goberno local, e que vimos reclamando desde hai moitos anos”, anotou.
Desde o ano 2005 o Goberno galego investiu máis de 29 millóns de euros en actuacións de rehabilitación neste ámbito permitindo a adquisición de 83 edificios e a posta no mercado de 117 vivendas de protección autonómica (VPA).