A Xunta promoverá a inserción laboral de máis de 1.000 mulleres do rural cun novo programa de apoios ao emprego feminino en sectores con demanda

Cun investimento de 2,8 M€ incentivarase o deseño, por parte de concellos de menos de 5.000 habitantes e agrupacións de municipios, de programas integrados de emprego feminino que combinen orientación, formación e asesoramento laboral

O prazo para solicitar as axudas comeza mañá e remata o próximo 14 de outubro, tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG)

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2022

Galicia ofrecerá itinerarios individualizados para que unhas 1.097 mulleres desempregadas poidan mellorar as súas oportunidades laborais e acceder a un posto de traballo. A Xunta promove unha nova liña de apoios, dotada con 2,8 millóns de euros, para que os concellos desenvolvan programas integrados de emprego en feminino co obxectivo de garantir a inserción laboral das mulleres e dinamizar as áreas menos poboadas. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe este novo programa de axudas que se poden solicitar desde mañá e ata o próximo 14 de outubro.
Os apoios, que se financiarán con fondos europeos a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), garantirán o acompañamento a mulleres en desemprego por medio de programas que combinarán accións de orientación laboral co asesoramento, a información, a formación e a adquisición de competencias e habilidades transversais.
Poderán ser beneficiarios da nova liña os concellos de menos de 5.000 habitantes a título individual ou como agrupación ou mancomunidade de concellos; neste último suposto o 35% dos municipios que conformen esa unión deben ter menos de 5.000 habitantes.
Os programas a desenvolver polas entidades locais están concibidos para facer fronte aos efectos socioeconómicos da pandemia. Así, a formación impartida dirixirase a mellorar a capacitación para postos de traballo con boas perspectivas territoriais, derivados das necesidades do mercado laboral rural e urbano no que se desenvolve a iniciativa.
As accións terán unha duración de 12 meses. Con elas aspírase a que as mulleres adquiran a cualificación necesaria para aumentar as posibilidades de acceso ao traballo e, ao mesmo tempo, reforzar o desenvolvemento produtivo das zonas rurais, loitar contra a fenda de xénero e promover a permanencia das mulleres no territorio.

Emprego verde e dixital

A Xunta quere que os programas melloren as competencias das mulleres cara a empregos verdes e dixitais, de xeito prioritario. Máis aló destes dous ámbitos, porán o foco no eido do emprendemento e a economía social; as enerxías renovables; o tratamento de augas e residuos; os aproveitamentos forestais e agrarios respectuosos co medio; a economía circular; a dixitalización de servizos; as actividades comerciais en liña; a tecnoloxía; o desenvolvemento local rural e sostible; e as actuacións que favorezan a cohesión social (por exemplo, a intervención con colectivos vulnerables).
Serán destinatarias destes programas integrais de emprego as mulleres desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia e residentes, preferentemente, en municipios de menos de 5.000 habitantes. Promoverase a inserción laboral de polo menos o 20% das participantes por conta propia ou allea durante un mínimo de 90 días.
As participantes recibirán un incentivo de 400 euros pola súa condición de mulleres participantes, que se canalizará a través das entidades locais organizadoras.
Os concellos promotores, pola súa banda, accederán a apoios de 1.715 euros por participante, cos que se dará cobertura a eses 400 euros de incentivo individual, así como aos gastos técnicos, de material, de publicidade, de formación do persoal, etc. A esa contía engadiranse outros 2.500 euros por muller inserida no mercado de traballo.
A orde de hoxe enmárcase no Plan Emprega Muller polo que a Xunta está a apostar este ano cun orzamento de máis de 34 millóns de euros para apoios integrais para o acceso, o mantemento, a consolidación e a promoción profesional do colectivo feminino. Está conformado por programas específicos e exclusivos -a maioría de nova creación como o de hoxe- para a mellora da cualificación profesional e fomento empregabilidade do colectivo feminino.